O concelleiro de cultura máis burro

Posted by franciscocastro - 10/11/14 at 11:11 p.m.

Cabeza

Non vou entrar no asunto terrible dun concelleiro que pide que lle dean un tiro na caluga a un adversario político. Non vou entrar en plantearme que pasaría se esa burrada a dixese alguén dalgúns partidos minoritarios, periféricos, emerxentes, que eu imaxino, como lles irían á chepa, como os identificarían co terrorismo máis brutal. Non vou entrar en nada diso senón no feito de que o cenutrio en cuestión é concelleiro de Cultura. Xa vimos os seus escritos, inzados de faltas de ortografía, o que demostra que, en moitos casos, a burremia e a violencia adoitan ir da man.

En efecto, é o concelleiro de Cultura. O máis pailán da lista probablemente. Pero déronlle a responsabilidade de Cultura. Infortunadamente, isto é un clásico (a pesar das excepcións, que hai moitísimas, por suposto): terminan dándolle esa concellería a quen non saben onde meter, a un que pasaba por alí, a calquera. Teño visto responsables de Cultura en concellos que lles importaba tanto a cultura como a min a perruquería masculina. Teño estado con concelleiros e concelleiras de Cultura por aí adiante que non saben falar, que non entenden do que están falando e que, como digo, lles trae sen coidado xa non so a cultura, senón tamén a lingua, a educación ou calquera cousa que teñan que ver aínda que sexa remotamente coa área que administran.

A concellería de Cultura debería de ser unha das máis importantes. Os servizos culturais que se dan nos concellos representan benestar, calidade de vida, nutrición para a alma das familias. Así que non deberían ter os orzamentos ridículos que teñen nin, sobre todo, que á fronte de tal enorme responsabilidade rematen poñendo ao máis inépto de todos (insisto: hai moitísimos concelleiros e concelleiras de cultura que son excelentes no desenvolvemento da súa misión. Vós ben me entendedes).

A Cultura é importante. Aínda que non se decaten, quizais, por falta de cultura.

Os comentarios están pechados.