Angela Merkel e o porno

Posted by franciscocastro - 10/11/14 at 12:11 p.m.

muro_de_berlin

Onte cumpríronse 25 anos da caída do Muro de Berlín. Lembro aquela xornada con ilusión, vendo unha utopía cumprise en directo pola televisión, sendo moi consciente do histórico das imaxes que estaba a ver. Sen me decatar, pasou un cuarto de século pola miña, pola túa, polas nosas vidas. E sen nos decatar, toda aquela ilusión, todas aquelas proclamas de liberdade, todas aquelas cancións que anunciaban un tempo novo, de cidadanía plena, foron deixando paso ao mercado, ao “vivides por enriba das vosas posibilidades”, ao “non se pode facer outra cousa” (Rajoy dixo cando empezou a recortar) e, en definitiva ao “éche o que hai”.

Onte foron os fastos de celebración. Dunha insolencia case que pornográfica (a palabra “porno” significa “duro”). E digo pornográfica porque é moi duro escoitar a Merkel dicir que a caída do Muro representa “que os soños poden facerse realidade”. Falou, incluso, de que o recordo daqueles días teñen que “infundirnos esperanza”.

É iso: porno duro. Porque Merkel representa (non é cousa dela, Angela é só un monicreque máis no grande xogo especulativo dos ricos-moi-ricos que o son porque nos fan pobres-moi-pobres) a imaxe do realismo máis sucio, a defensa do capitalismo como o único que hai que coidar, manter, soster, rescatar…aínda que o pague a xente, aínda que haxa miseria, aínda que a enfermidade medre e a tristura avance. Merkel e as políticas impostas por ela e polos grandes lobbies financeiros, son a negación dos soños, a morte das esperanzas, o asasinato das ilusións. Que ela nos fale de soños é un mal soño. Que ela nos convide á esperanza nos desesperanza.

Porno. Alemán. Do peorciño.

Os comentarios están pechados.