Este becho contraditorio

Posted by franciscocastro - 17/10/14 at 10:10 a.m.

Contradición

Este becho contraditorio que é o ser humano é quen de seguir con lealdade infinda a xente coma Hitler ou Franco, erguendo as súas mans estiradas caralsol feliz da vida. Este becho contraditorio que é o ser humano é quen de escribir os versos de amor máis lindos que nunca se escribiran, como os que Celso Emilio Ferreiro fixo para Moraima. Este becho contraditorio que é o ser humano é quen de matar por pracer. Este becho contraditorio que é o ser humano é quen de meterse dentro dunha casa ardendo para xogar a vida salvando a alguén que non coñece. Este becho contraditorio que é o ser humano aplaude aos corruptos cando van declarar. Este becho contraditorio que é o ser humano fai folgas de fame para loitar polo que considera xusto. Este becho contraditorio que é o ser humano de cando en vez, como se lle proese tanta tranquilidade, inventa guerras. Este becho contraditorio que é o ser humano adora vivir en paz.

Conclusión: non temos solución. Ou si. Xa o dixen: un becho contraditorio.

Os comentarios están pechados.