A culpa sempre é do outro

Posted by franciscocastro - 09/10/14 at 10:10 a.m.

PicMonkey Collage2

É curioso. Eles nunca teñen culpa de nada. Os, mirade que explícita é a denominación, os responsables, nunca son responsables de nada. A culpa sempre é dos outros.

E así, a galega contaxiada de Ébola ten toda a culpa, porque quizais tocou a cara ao sacar o traxe (non importa que os protocolos os coñecese daquela maneira, ou que o seu traxe non fose o axeitado ou o que fose que se fixo mal, dende traer a enfermidade aquí cos xesuítas enfermos a todo o demais, deixala ir de vacacións, etc.). E o maquinista do Alvia ten a culpa, porque ía a moita máis velocidade (non importa que eses sistemas de freado que SI que hai noutras vías aquí non os houbese, ou de que existisen informes previos advertindo da perigosidade dese tramo). E os preferentistas aos que lles meteron o calote son culpables, porque coñecían, dixo Blesa, o risco financeiro que asumían (tanto ten que se lles ofrecese o produto con enganos, incluso a persoas analfabetas ou menores). E o patrón do Prestige ten a culpa. Porque non fixo caso ao que se lle dicía dende Salvamento Marítiimo ou dende onde fose (non importa que fose un buque monocasco con bandeira fantasma e que navegaba contra toda lóxica marítima de seguranza).

E os pobres culpables de ser pobres. E as mulleres culpables de que lles peguen, que as violen, etc.

Os únicos que non son culpables son os do poder. Blesa. A Infanta. Todos eses. Os inocentes.

Os comentarios están pechados.