Salvar ás lectoras e lectores

Posted by franciscocastro - 01/10/14 at 03:10 p.m.

Lectura

Onte houbo en Madrid un encontro de editores do que se fai eco a prensa española. Falaron da situación do sector editorial e, para min o máis importante, falaron da situación da lectura. Os datos son terroríficos e unha completa traxedia social: a industria do libro cáese, a administración pasa de todo, facturamos como hai vinte anos, a precariedade instálase entre os profesionais…

Obviamente, o meu discurso non é neutral. Son editor. Son escritor. Vivo do libro. Escribo libros. Sen embargo, e a pesar do que veño de dicir, que é tamén unha advertencia honesta para que se me entenda ben no que sigue, digo que o realmente importante é salvar, máis que á industria editorial-libreira-bibliotecaria, etc., a lectura. Porque non vai haber industria editorial nin ninguén que poida vivir profesionalmente do libro se non hai lectores e lectoras.

Lévoo dicindo séculos: estamos esperando a que os distintos responsables políticos nos chamen para sentar con nós e, xuntos, deseñar, dunha radical e definitiva vez, políticas efectivas de promoción da lectura. Non abonda con que paguen campañas. Non abonda con que de cando en vez apoien publicacións (cada día menos). O fomento da lectura, que haxa máis lectores e lectoras, que existan bibliotecas ben nutridas, que o libro e a lectura teñan presenza intensa e forte e definitiva na sociedade democrática moderna (que non pode ser democrática nin moderna sen lectores e lectoras), todo iso, debe de ser algo tranversal, obxectivo fundamental de calquera lei de educación, necesidade colectiva que coidar, dende a escola, si, pero tamén dende os medios de comunicación e o conxunto da sociedade.

Preocúpame, claro, o futuro laboral do meu sector. Mais, crédeme, preocúpame moito máis que non se coide a lectura. A base é esa. Os beneficios de que esa parte funcione ben, son obvios. O resto, virá despois.

Os comentarios están pechados.