No Día Internacional do Alzhéimer (teñamos memoria)

Posted by franciscocastro - 21/09/14 at 09:09 a.m.

Alzheimer

Hoxe é o Día Internacional do Alzhéimer. Esta doenza levouse por diante a miña nai. Coma ela, millóns de homes e mulleres no mundo morren dúas veces, a primeira, cando a memoria se lles vai (e outras cousas, a perda de memoria é só o síntoma máis visible); a segunda, cando nos deixan de verdade. Eu cando vou polos centros de ensino e toca falar disto, sempre o explico así: morren dúas veces.

Mais, dende hai un tempo, engado que hai unha terceira morte, unha que chega antes: a que provocan os que nos dirixen recortando en dependencia, en axudas, en atención. Mátanos aqueles que están en disposición para se facer cargo do asunto e, podendo facer algo por eles, non o fan. Eles matan, si, cando toman decisións e deixan xente sen atender.

Hoxe, si, é o Día Internacional do Alzhéimer, data na que escoitaremos a algúns políticos, hipócritas, falar de Solidariedade e Amor e Respecto e o Carallo 29. Falarán de todo iso e os seus Gabinetes de Comunicación mandarán fermosas e emocionantes notas de prensa nas que dirán que o conselleiro tal, que o alcalde tal, que o señor tal dixo que tal e que toma e que dálle, notas de prensa que os medios de comunicación repetirán acriticamente. Mais o certo é que, independentemente das boas palabras, os seus feitos concretos son recortes en dependencia, normativas que se cargan a sanidade pública, menos dotación para axudas ao tempo que complican as condicións para recibilas. Por que fan isto? Por pura mentalidade liberal e conservadora e clasista. Porque eles non cren na Sanidade Universal. Eles non cren en que o Estado deba de facerse cargo da xente para que sexa coidada, para que estude, para que viva con dignidade. Eles non cren na Igualdade. Eles cren na Beneficencia, esperan e fomentan que vaiamos cara un estado de Beneficiencia, de Miseria, de xente deixada á súa sorte que se atenda a si mesma. Encántanlles o mundo que explicou Dickens cos seus pobres pobrísimos vivindo na lama, coidando dos seus xardíns e iates, servíndolles a sopa quentiña. Mentres, os dependentes de Alzhéimer, os nenos e nenas con necesidades especiais, as persoas, en definitiva, que precisan desa axuda e solidariedade e amor que de cando en vez enarbolan como bandeira que non cren nin eles, todas esas persoas son percibidas por eles coma cargas, problemas, situacións que xa non é que non saiban como afrontar. É que non queren afrontalas. En Galicia hai xente que espera anos, ANOS, por unha praza nunha residencia pública. Mentres, ou teñen cartos para soster aos seus familiares nun centro privado (no que a miña nai botou anos ata que nos deron unha praza pública pagabamos 1800 euros ao mes), ou a situación vai ser demencial nas casas, onde non se sabe como atendelos, como facerse cargo deles para que vivan con dignidade, que facer, como actuar, que comportamento seguir. En Galicia hai familias que teñen urxencias absolutas, de vida ou morte, que non son atendidas por unha burocracia deseñada para aburrilos, para alongar os procesos ata o infinito. Ata que morran.

Así son as cousas neste Día Internacional do Alzhéimer. Non o esquezamos. Teñamos memoria.

Os comentarios están pechados.