Botín, os recortes, os medios de comunicación e as redes sociais

Posted by franciscocastro - 10/09/14 at 02:09 p.m.

Botin_

Hoxe morreu Emilio Botín (en realidade, e dou este dato para os que falan de que “empezou de cero”, chamábase Emilio Botín Sanz de Sautuola y García de los Ríos, e era fillo e sobriño de dous antecesores presidentes do Banco de Santander…agora será a súa filla Ana Patricia) morreu, digo, e é curioso comprobar como non se está a dicir o mesmo nas redes sociais (máis críticas co dono do Santander) que nos medios de comunicación nas súas versións dixitais. Estes últimos reproducen as palabras dos dirixentes políticos e sindicais e doutras figuras e, daquela, todo ten como un ton máis institucional e como de homenaxe. Así, máis unha vez, decatámonos do divorcio que hai entre a prensa, nomeadamente a escrita, e os potenciais usuarios da mesma, a cada día, máis afastados dos xornais de papel, a cada día máis entregados aos novos periódicos que, ao xeito de twitter, entre todos imos facendo ao noso gusto.

Eu só quero lembrar que, independentemente das habelencias de Botín como banqueiro, que ignoro, el foi un dos que máis insistente e entusiastamente felicitou ao actual presidente do goberno cando empezaron os recortes, dicindo, case que textualmente, “Mariano, lo estás haciendo muy bien”. Normal, pois, que o goberno xa lanzase un comunicado oficial “lamentando la muerte de un hombre comprometido con su país”, ou que Pedro Sánchez amose a súa “tristeza”.

 

Os comentarios están pechados.