A miña vida é un caderno

Posted by franciscocastro - 09/09/14 at 02:09 p.m.

Caderno

Tal día coma hoxe nacía Cesare Pavese. A súa obra máis coñecida é Traballar cansa, nembargantes, a min o libro que me marcou, porque o lin na adolescencia, naquel instante no que tentaba procurar o meu camiño, intuíndo, xa, que ía ser a literatura, foi o seu Oficio de vivir/Oficio de poeta.

Lendo neses libros, que son unha especie de diario íntimo, aprendín que Pavese era un ser humano que non me interesaba moito. Un infeliz. E xa daquela non quería estar con infelices. Hoxe, menos.

Pero, por ese libro, empecei a encher cadernos brancos, agora libretas que vou mercando polo mundo, anotando as cousas que se me pasan pola cabeza. Xa perdín a conta de todas as que levo.

A miña vida, a de verdade, está escrita entre as ringleiras desas anotacións feitas en parques infantís, aeroportos, vitrasas ou camiñando pola rúa.

A miña vida é un caderno.

 

Os comentarios están pechados.