4000 millóns de euros de beneficio

Posted by franciscocastro - 04/08/14 at 02:08 p.m.

armas

Esa é a cantidade que ingresou o estado español durante 2013 por exportacións en material de guerra. Ou o que é o mesmo: na venda e fabricación dese material que termina caéndolle enriba da cabeza a un neno, para rebentarlla, España e outros estados ganan cartos. Coa comercialización desas bombas que rematarán voando sobre as praias onde uns pequechos xogan ao fútbol, felices, España e outros estados ganan cartos. Na preparación, mellora, calibración e perfeccionamento desas balas que serán aloxadas dentro das cabezas de nenas e nenos que pasaban por alí, polo lugar trabucado do planeta, alí onde se xogan os intereses económicos e territoriais dos poderosos, niso, España e outros países tamén ganan cartos.

Estou agardando a que o novo líder do PSOE diga que se recupera o poder vai poñerlle freo ao comercio máis vergoñento, ou un deles (xa sabedes canto move a explotación sexual das mulleres, a laboral de menores, o comercio de droga…) porque unha persoa que fala de ética e de non sei que, non pode consentir isto. De feito, estou certo de que Mariano Rajoy, que me le, que o sei, que lle encanta o que escribo, xa está coa idea de convocar unha xuntanza urxente de líderes políticos mundiais para acabar de vez co comercio da morte.
A cuestión é clara. E a contradición tamén. Falamos de moral e ética e dereitos humanos e a paz no mundo (coma unha miss calquera) ao tempo que promovemos guerras e conflitos de todo tipo. É escandaloso escribilo. Pero é o que levan facendo dende hai séculos os gobernos dos países máis poderosos.
Deixemos as andrómenas a un lado e recoñezamos sen dúbidas que todas as guerras se inician e rematan cando o poder económico así o decide. As guerras e outras formas da violencia. Por iso falo de contradición. Os dirixentes encargados, cando menos en teoría, en promover un estado de cousas achegado á paz e ao benestar e a seguridade, viven en indecente conivencia cos mercaderes da morte, da mutilación e o sufrimento.
Os cus gordos dos inflados millonarios engrándanse máis aínda a costa da morte e as bágoas de millóns de inocentes.
Os que sempre pagan, con sangue, eses millóns de euros que outros amasan.

Os comentarios están pechados.