Aquel pequeno paso

Posted by franciscocastro - 31/07/14 at 02:07 p.m.

Neil-Armstrong-on-The-Moon

Hai 45 anos da chegada do home á lúa. Neil Armstrong puxo alí a súa bota ao tempo que pronunciaba unha das frases máis famosas e, probablemente fermosas, de todo o século XX. Aquilo de que a pesar de ser un pequeno paso para o home, en realidade era un gran paso para a humanidade. Fose cousa súa ou da xente de publicidade da NASA, o certo é que a sentenza, pola súa carga simbólica, é perfecta: quen chega non é un señor concreto; quen o fai é toda a humanidade representada por ese señor concreto. Este é un logro colectivo e non só da NASA. Independente de que fose un gol pola escuadra aos soviéticos, quixeron que se vise como un fito de todos, unha conquista da especie. E esa foi unha idea feliz.

Eu, que teño 47 anos, medrei enchoupado do optimismo tecnolóxico daquela época que chamaban a da “carreira espacial”. Como tantos do meu tempo, entre os soños infantís estaba o de ser, cando grande, ademais de futbolista, astronauta. Logo, pelis coma A guerra das galaxias ou series coma Galáctica, ou aquela de Carl Sagan, que nunca me perdía e que botaban na segunda canle na 2 e que se chamaba Cosmos, contribuíron a alicerzar unha paixón polas estrelas e as cousas do firmamento que aínda hoxe me dura e que fai que quede a vivir en todo canto documental de naves, exploracións ou bingbangs boten na tele. Teño, incluso, entre os orgullos da miña biblioteca, anos enteiros da revista Life en español que me permiten reconstruir con bastante fiabilidade a emoción coa que se se viviron aqueles anos nos que parecía que todo era posible e nos que fantasiar con colonizar outros planetas, explorar zonas inimaxinables do universo, contactar con razas extraterrestres coas que iniciar Unha Nova Era era algo para o que faltaba moi pouco.

Case que medio século despois, vemos que a sentenza cumpriuse, pero do revés, e que o paso de Neil Armstrong foi en realidade, ben grande, pero que o da humanidade foi moi pequeno. Porque non avanzamos moito. Aqueles días nos que a inmensidade dos logros tecnolóxicos facían presaxiar un mundo novo e mello, fican agora momificados cun verniz inxenuo porque, como o tempo se encargou de demotrar, a humanidade, esa que seica camiñaba, chimpiño a chimpiño co astronauta estadounidense, non avanzou. Se cadra, retrodeceu. Porque cantos máis anos van pasando (incluso cambiamos de século) que sigan existindo desigualdades, guerras que se ceban nos máis febles, pobreza a esgalla e moita, moita miseria para millóns de seres humanos de segurísimo futuro escuro…, ese tipo de cousas só nos poden facer concluir que non hai avance, senón pasos cara atrás, retroceso cruel, unhas doses de dor eterna que semella que non imos ser quen de eliminar nunca.

Podo imaxinar a emoción brutal de Armstrong xusto no instante en que se abría a porta da nave e asomaba a Lúa en toda a súa beleza. Podo imaxinar a forza do seu corazón a lle rebentar dentro do peito. Debeu de ser moi parecida á emoción e forza no peito que sentían os millóns de seres humanos que seguiron o acontecemento pola televisión, marabillados da nosa grandeza. Pero non, a nada que o pensemos, a humanidade non deu grandes pasos de xigante dende daquela. E xa pasaron 45 anos. Case que medio século perdido.

Os comentarios están pechados.