Facernos máis fortes

Posted by franciscocastro - 16/07/14 at 02:07 p.m.

O derradeiro domingo de xuño, como todos os anos, xuntámonos un grupo de amigos e amigas, case que douscentos, arredor de Agustín Fernández Paz para entregarlle o Premio Trasalba 2014 que outorga a Fundación Otero Pedrayo.

A cita foi na Casa Grande de Amoeiro. Escoitamos as súas palabras, algúns tivemos a fortuna de poderlle dicir canto lle queremos e logo fomos xantar, tamén como cada ano, ao souto que hai fóra do pazo de don Ramón.
Como adoita acontecer sempre, nos días seguintes á xornada emocionante, reaparecen frases que se escoitaron, colle nova vida aquela reflexión, agroma no pensamento a frase acaída que alguén pronunciou.
Ese é o caso do que Agustín dixo no seu fermoso discurso de agradecemento ao recibir o premio cando falou, aclarando que non lle gusta ter que dicilo, que lle encantaría que todo fose mel sobre filloas pero que non o era, que hoxe en día a situación lingüística é de ataque continuo contra da lingua de nós. Comentou, tamén, que os actuais gobernantes foran quen de destruir en poucos meses o que levara anos construir referido á normalización lingüística. E, nese contexto, dixo a frase esencial ao explicar que os que nos agreden no fondo fracasan porque os ataques fannos moito máis fortes.
Por desgraza, e por fortuna, así é.
Digo por desgraza porque é terrible que sexamos unha cultura atacada. Dende hai séculos. En especial por aqueles que máis deberían preocuparse pola saúde do idioma, o seu coidado e espallamento. Mais non o fan e, aínda máis, esfórzanse en satanizarnos e poñernos chatas por vivir en galego. Iso tamén o salientou Agustín: en Galicia é difícil vivir en galego, en especial nos contextos urbanos.
Mais eses ataques fannos máis fortes.
E digo por fortuna porque grazas a ese ataque estamos vivos, erguendo a ollada para ver de fronte ao mundo a pesar de que no fondo desexan que teñamos a ollada posta todo o tempo no chan, nos zapatos de quen nos coloniza. Dixo tamén Agustín e leva razón: amamos a diversidade lingüística e amamos que se poida vivir con plenitude en castelán. Pero queremos facer o mesmo e, sobre todo, non queremos que se nos creben os dereitos mínimos ao respecto da vida en galego.
Eu quero vivir nun contexto normal e normalizado onde non haxa que batallar día si e día tamén pola obviedade de usar con naturalidade, sen dar explicacións e, sobre todo, sen vernos prexudicados, por falar galego (como tamén dixo Agustín, moitas empresas obrigan aos seus traballadores, incluso sen llo dicir, a ocultar que son galegofalantes…como se a lingua propia fose algo sucio ou indigno). Eu non quero vivir facéndome forte porque me atacan. Eu quero vivir e sentirme normal. Que os meus fillos non se sintan raros por falar galego nunha cidade como Vigo. Sen que me asocien politicamente con ninguén por falalo (xa me posiciono eu a diario por outras moitas cousas).
Si. Fannos máis fortes.
Pero cansa ter que vivir sempre na resistencia.

Os comentarios están pechados.