Algunhas cousas boas que trouxo PODEMOS á escena política española

Posted by franciscocastro - 10/07/14 at 02:07 p.m.

A irrupción de Podemos na escena política española trouxo consigo unha morea de cousas boas. Entre outras, que a esquerda tradicional (léase PSOE) agora quere parecer esquerda. Esquecéraselles. Agora de súpeto deulles por aí (iso si, votan a prol da coración de Filipe “malia ser republicanos de corazón”). E trouxo de bo que a dereita tradicional se volveu máis dereita, ou sexa, menos maquillada cando resucita os vellos medos que tanto bo rédito electoral lle deu de sempre (estes veñen queimar igrexas, son proetarras bolivarianos…). O nacionalismo galego, iso tamén é bo, empeza a falar de “achegarse á xente”. A prensa estatal -tamén o é, xa está ben de falsidade- amosa a súa cara real, e de súpeto El Mundo e El País parécense por vez primeira satanizando un movemento que cuestiona, ameaza, e pretende superar, o bipartidismo (uns son dun partido e o outro creo que era doutro, antes, non dende logo agora). E, sobre todo, a súa aparición fai que, por vez primeira dende, probablemente, o inicio da sacrosanta e mintireira Transición, se volva falar de política e de ética, de políticos e principios morais, de economía e respecto polos dereitos dos traballadores, de realidade e democracia.

Iso é así por enriba de filias e de onde teñamos o noso corazón político. E iso é algo bo.

E é patético, absolutamente patético, ver ao resto dos partidos políticos, agora, tentando subirse ao carro da ética. Aínda que sexa para gañar votos.

 

Os comentarios están pechados.