Mariano Rajoy e Felipe González falan de fútbol

Posted by franciscocastro - 09/07/14 at 02:07 p.m.

Hoxe, Mariano Rajoy, presidente do goberno de España, declarou nos corredores do Congreso dos Deputados, que non lle gustaría estar na pel dos brasileiros logo da derrota brutal que lle infrinxiron onte os alemáns.

El, que non fala case que nunca de nada, fala de fútbol.

Outro presidente, neste caso expresidente, e directivo dunha empresa enerxética (oh!, en serio?), Felipe González, logo do discurso de Filipe VI o día en que foi coroado, ao sair, diante dos xornalistas, o único que dixo foi que o novo rei estivera ben pero que xa que tiña micros diante, que quería transmitirlle a súa solidariedade a La Roja despois da malleira que lle meteran os holandeses.

É curioso ver como estes dous poderosos homes son quen de amosar a súa solidariedade cos que están feridos (as facianas dos meniños brasileiros onte a chorar segundo ían caéndolle os goles eran todo un poema tráxico) mais non son quen de abrir a boca para falar do mal que o deben de andar a pasar todas esas nenas e nenos que en España, ou no Brasil, malviven por debaixo do umbral da pobreza, ou de todos eses que no terceiro mundo non teñen que comer. En parte, porque as grandes empresas enerxéticas como nas que traballa o expresidente, ou para as que traballa, doutro xeito, o actual presidente, lles quitan o pan e os explotan.

O fútbol é o opio do pobo. Ben que o saben.

Os comentarios están pechados.