Primeiro pensar no partido. Logo (se cadra) na xente.

Posted by franciscocastro - 08/07/14 at 02:07 p.m.

Onte vin na tele La dama de hierro, biopic de Margaret Tatcher maxistralmente interpretada por unha Meryl Streep que consigue o que só consiguen as actrices máis grandes: que nos esquezamos dela e empecemos a ver ao personaxe, que se nos olvide a maquillaxe e a caracterización e nos centremos só en gozar da recreación, dende o seu alzhéimer final, dunha vida complexa, complicada e polémica pero que, sen dúbida, fixo historia.

Malia isto, non creo que pase á posteridade como unha gran xestora. Si como unha muller decidida coas (súas) cousas claras. Mais entendo que foi un desastre para o pobo. Igual que os neocóns que agora nos gobernan, a súa prioridade foi o capital, as grandes empresas e os beneficios económicos das clases mellor posicionadas.

Na película di mil veces que toma as decisións “polo ben do partido”. Os seus asesores discuten algunhas das súas decisións “porque podemos perder as eleccións”. Indubidablemente e coma hoxe, onde os que nos mandan pensan, primeiro, no seu partido, e logo, en como o que fagan ou deixen de facer poder facerlles perder ou non unhas eleccións. Lembrade a Aznar, nas horas seguintes aos atentados de Atocha, reunido co seu Xefe de Campaña, vendo como podían bruxulear para non perder, como perderon, a súa cita electoral…

Os comentarios están pechados.