Os sacerdotes non deben educar

Posted by franciscocastro - 17/06/14 at 03:06 p.m.

Que a relixión sexa unha asignatura é, para empezar,  unha burrada pedagóxica. Non se sostén dende ningún punto de vista educativo. Só sirve para adoutrinar, para meter dogmas, para sementar prexuízos e para fomentar a intolerancia. Non me parece mal (en fin, si que me parece) que iso se faga nun contexto íntimo e familiar (a cativada debería medrar liberada de crenzas dese estilo). Pero non nun réxime educativo amparado polo estado. Xa o dixemos mil veces: hai que educar nas verdades científicas, nas teorías lóxicas, e nunha educación centrada en valores laicos e civís. Logo, na catequese, que fagan o que queiran.

Se queremos progreso, civilización e luz, non debemos deixar que os sacerdotes eduquen. Tiña o seu sentido na época medieval, cando eran os únicos que sabían ler e escribir (e ben que se coidaban de que ninguén máis aprendese). Pero hoxe non ten sentido. Non o ten e é medieval a súa presenza, tan grande aínda, social e política.

Os sacerdotes non deben educar porque a historia ten demostrado que o seu concurso na educación sempre tivo consecuencias nocivas. O cal é normal e lóxico porque calquera dogma ten que loitar inevitablemente contra a “revolución” que supón o coñecemento, as ideas novas e as diferentes teorías que, ao longo da historia, as xentes se atreveron a plantear.

As relixións, en especial a católica, ten un interese crucial en estar presente no sistema educativo só porque é unha importante garantía de conseguir adeptos, seguidores, súbditos. Non queren estar aí porque lles preocupen as almas ou porque saiban que así fan mellores persoas. Están para recrutar. O mesmo que outras relixións pero coa complicidade, vergoñenta, do estado e as leis educativas.
Os sacerdotes non deben educar. Nipadiós.

Os comentarios están pechados.