Non somos menos (Kiel 3)

Posted by franciscocastro - 09/06/14 at 02:06 p.m.

Como xa contei, botei cinco días en Kiel (Alemaña) participando coa tamén escritora María López Sández na décima edición do Eurpäisches Festival des Debütromans. Tivemos ocasión de falar das nosas obras, da edición galega e, sobre todo, de escoitar a escritores e escritoras de toda Europa. A experiencia serviu, mais unha vez, para constatar o que veño repetindo dende hai anos e que comezo a ter a impresión de que vou seguir repetindo eternamente: a literatura galega non é menos, en calidade, da que se fai no resto das linguas europeas e, por pura lóxica, da que se fai no resto do mundo. Somos unha máis. Non mellor. Tampouco peor. Só necesitamos que, ademais, os galegos e as galegas o entendan. En Europa hai ben de anos que o saben.

Así, escoitamos falar de novelas que viñan dende o alemán, o danés, o finés, o francés, o italiano, o holandés, o noruegués, o polaco… e o galego. Historias, todas elas, que contan o mesmo que leva contando a literatura dende que existe, ou sexa, dende que existe o ser humano: historias de amor, de dúbidas, de vidas duras e difíciles, de medo, de ilusión…. non hai tema vedado á literatura, nada hai que caia fóra do interese daqueles que traballan e viven coa palabra e a fantasía. E a literatura galega fai o mesmo e conta o mesmo e sinte con verbas o mesmo. Exactamente igual.  E neses cinco días María e eu puidemos falar dos mundos saídos das nosas imaxinacións e dos nosos corazóns. De todo aquilo que abrollou dende o máis fondo de nós e que se fixo libro…en galego.

Quizais por iso, fomos os únicos (para europea sorpresa xeral) que tivemos que falar das dificultades que sufrimos no noso propio país, que non podemos vivir de escribir (o resto van podendo), que dentro das nosas propias fronteiras e a pesar de ser a lingua propia, se nos poñen atrancos e pedras no camiño. Mais, aínda así, elaboramos unha literatura de enorme calidade. Tanta, como a que se fai por Europa adiante.

Os comentarios están pechados.