Coma os cans en Alemaña (Kiel 2)

Posted by franciscocastro - 05/06/14 at 02:06 p.m.

Paseando por unha cidade alemá coa investigadora galega Antía Marante, comentabamos o silencio grande que, en xeral, había en todas partes: pola rúa, nos cafés, nos centros comerciais… incluso nos pubs, onde aínda que houbese moita xente, podíase falar e escoitar. Un panorama sonoro, dende logo, moi afastado do noso. Non sei se mellor. Diferente.

Falando sobre isto, fíxome unha pregunta que me desconcertou:

-Verdade que non escoitaches ladrar a ningún can?
Abrín os ollos sorprendido porque, en efecto, aínda que levaba cinco días en Alemaña e vira un monte de xente con can, era verdade que non os oira ladrar. A ningún. Nunca.
Ao primeiro quixen pensar que tiñan tan ben educados aos bechos de catro patas que era por iso que non ladraban. Decateime axiña do absurdo desa suposición e imaxinei algo aínda máis absurdo como é que os cans alemáns conseguiran mimetizar o seu comportamento co humano e, dado que os seus donos e donas eran homes e mulleres silenciosos, daquela era por iso que tamén eles, na súa sabedoría canina, tamén o eran.
Obviamente, ese non podía ser o motivo do cuadrupedo silencio, así que preguntei. A súa resposta deixoume abraiado:
-Dende hai uns anos, estendeuse a moda no país de operar aos cans para que non ladren. Cúrtanlles algo aí dentro e quedan mudos para sempre.
Fiquei, como digo, abraiado. Pola burrada. Pola, nunca mellor dito, animalada.
Logo, lendo as novas na rede do que por aquí pasaba, e as declaracións, sempre recorrentes dalgúns políticos gobernantes, arredor do moito que nos queixamos e manifestamos e protestamos e que tanto lles molesta (lembrade aquela alcaldesa que falaba de facer algo así coma un “manifestódromo” onde concentrar as nunca mellor dito, concentracións), e acordándome da Lei de Seguridade Cidadá que querían meternos con embude para recurtar máis aínda os nosos dereitos, pareceume que aquilo do método silenciador de cans e cadelas era unha boa metáfora do que, de poder, lle gustaría facer ao aparato represor do estado: facernos algo aí dentro para que deixásemos, para sempre de protestar, de pedir melloras, de sinalar os seus erros e pedir responsabilidades. Algo que está na esencia da democracia pero que, para eles, é só o molesto berro do ladrido dos cans.

Os comentarios están pechados.