A xente non importa

Posted by franciscocastro - 22/05/14 at 02:05 p.m.

En Siria, o último que preocupa é a xente. Están a piques de matarse ben matados -de feito, xa empezaron- e as consecuencias do cataclismo poden ser inimaxinables. Ou máis ben: si que as imaxino. Memoria sobrada temos do que sempre pasa nas guerras (pagan os humildes, morren os pobres, quedan mutilados os febles). E aínda que a preocupación esencial das potencias mundiais debería de ser evitar a perda dunha soa vida (e xa van unhas cantas) o que observamos é que, como ven acontecendo dende que existen iso que se chaman os países (construto teórico en moitos casos argallado polos poderosos para que a quen mandan morrer teña unha certa idea de por quen, na teoría, morre, e quede así lexitimado -por Deus pola patria polo Rei) o conflito analízase non en función do sufrimento que hai que evitar, non en función das vidas que hai que salvar, non en función dos nenos e nenas que, entre outra moita xente, vai morrer…senón en función dos intereses clarísimos dos grandes lobbies empresariais que son, a fin de contas, quen gobernan todo. Absolutamente todo.

Os pobres individuos, dun e doutro bando, que berran dunha beira ou doutra da trincheira, coidan, na súa ignorancia manipulada, que van á batalla a defender ao seu país, ou unha causa xusta, ou un futuro para os seus fillos e fillas. É máis que probable que no corazón de moitas e de moitos habite algunha idea desas características. Mais o que non saben, e é unha verdade máis que contrastada pola historia (e vendo estes días o que se di nos medios de comunicación non hai dúbidas) é que ao final quen tomará a decisión derradeira sobre se isto se soluciona de boas ou a hostias vai ser o diñeiro, o capital, as estratexias claras de poder económico que, insisto, son os que gobernan estas democracias aparentes nas que vivimos. Se esas macroempresas que son as que ditaminan os movementos xeoestratéxicos o queren, haberá guerra, morrerá xente, haberá dor. Se elas non queren (é dicir, se non lles compensa que se monte adediós) non pasará nada.

A realidade é moitas veces tristeira porque quen dirixe o fai cun criterio militar. Explícome: dende que era moi pequeno tiven claro que para o xeneral que guía os exércitos, os soldados son pezas dun gran taboleiro de axedrez. Non son Francisco ou Pepe ou Xoán. Son cousas. E o xeneral que guía os exércitos bota contas e decide que non lle importa que lle morran tres mil soldados (Franciscos, Pepes, Xoáns) se se consigue a praza, a cidade, a aldea. Os obxectivos son os que son e a xente non existe.

Agora, os xenerais que guían os exércitos cotizan en bolsa, esnifan coca en Wal Street e comercian coa vida e a morte de millóns de seres humanos. E son sempre os mesmos e para todas as cousas. Os mesmos que especulan co prezo dos alimentos básicos aínda que iso provoque mortes. Os mesmos que sosteñen ditadores, se cargan a lei de Xustiza Universal ou potencian unhas investigacións ou outras para gañar a carreira dos fármacos.

A xente non importa.

Ou, cando menos, a esta xente, non lles importamos nada de nada.

Os comentarios están pechados.