Matar aos obreiros do naval dúas veces

Posted by franciscocastro - 08/05/14 at 02:05 p.m.

Xusto antes de ler a nova que informa de que o PP se negaba á concesión da Medalla de Galicia aos dous obreiros da antiga Bazán asasinados a tiros pola policía franquista durante unha mobilización do naval o 10 de marzo de 1972 (Amador e Daniel), unha amiga explicábame que a súa empresa, a pesar de ter 900 millóns de euros de beneficios só en España (adiviñen vostedes cal é, non é difícil) que a puña na rúa, a ela e a outra xente, aplicando un ERE Estrutural ou algo así. Dixomo e pensei en que mal que o temos os traballadores e traballadoras para seguir adiante facendo o que pretendemos facer (no básico: gañar a vida con dignidade). Logo, atopei a nova e xa me deprimín para o resto do día.

Como sabedes, AGE fixo a proposta da Medalla de Galicia para eses dous obreiros asasinados que cometeran o “delicto” de xogarse a vida durante as revoltas obreiras do ano 1972 (un ano no que os traballadores galegos lle botaron un pulso ben serio a un réxime aínda moi bárbaro) para que os demais, tamén os deputados e deputadas do PP, tivésemos un futuro algo mellor, uns dereitos laborais máis decentes, unha vida algo máis digna. O argumento que ofrece o partido da dereita para botar abaixo a iniciativa (apoiada -para variar sempre queda só o partido do goberno; por que non se decatarán de que algo mal deben de estar facendo cando non consiguen practicamente nin un só consenso- polo resto dos grupos parlamentarios), é que se trata dun “asunto do pasado”. O seu argumento (por chamalo dalgún xeito) é moi coherente con todo o que fan que teña que ver coa máis cativa condea ao franquismo: dicir que iso agora non toca, que iso quedou atrás, que non hai que andar a remover o pasado, nin a abrir vellas feridas. Por iso tumbaron (deixárona sen orzamento, para o caso é o mesmo) a Lei de Memoria Histórica. Non se decatan de que o asunto si que toca, que si que hai que remover o pasado (para facer xustiza, velaí un Dereito Humano básico), e, sobre todo, para pechar as feridas. Se non son franquistas, e eles din que non o son, deberían mudar de vez ese tipo de rutinas perversas que lles levan a defender algunhas cousas que a estas alturas son indefendible.
Normal que de cando en vez lles saian militantes -e moi noviños, madia leva!- brazo en alto e coa bandeira preconstitucional…
Normal que pasen esas cousas cando aos obreiros se lles mata dúas veces. Unha, a tiros. A outra, negándolles o recoñecemento debido para lles recompensar, aínda que sexa a título póstumo, por todo o que sufriron por todos nós, sacrificando as súas vidas polos nosos dereitos. Dando as súas vidas.

Os comentarios están pechados.