Igual a Rouco Varela non lle importaba outra Guerra Civil

Posted by franciscocastro - 07/05/14 at 02:05 p.m.

A min non me estrañou nada os comentarios do outro día de Rouco Varela durante os funerais de estado polo pasamento de Suárez (que manda truco: no tempo no que el era Secretario General del Movimiento, outros loitaban xogando -e perdendo- a vida, e para eses non hai recoñecemento ningún) sobre que igual se volvían dar as circunstancias que levaron á Guerra Civil porque, no fondo, intúo que tampouco lle amola moito esa posibilidade.

Sei que soa a burrada. Pero a actitude da igrexa católica dende a instauración da democracia e, especialmente, dende a consecución de determinados logros cidadáns fronte dos que se posicionan con violencia, é precisamente ese, de burrada.
Por iso están melancólicos do franquismo. É normal. Durante a ditadura, a igrexa católica viviu a súa idade dourada. A xerarquía tiña un poder que logo perderon e que devecen por recuperar. As leis civís sobre o comportamento, incluso na cama, da xente, facíanse dende o seu criterio. Os curas, bispos e cardeais mandaban, dirixían a vida de todos e nada escapaba do seu control. A chegada da democracia foi para os roucovarelas, non tanto a chegada do mal canto a fin dos seus privilexios. O laicismo que tanto atacan non é a perdición das almas que din querer salvar, senón un estado de cousas que os pon fóra dun sistema de privilexios, de prebendas, de cartos e de poder.
Logo da Guerra Civil, empezou o Tempo de Gloria das sotanas. Rematada a ditadura, empezaron vivir peor.
Normal que fantasíen coa volta daquel estado de cousas glorioso.
Unha guerriña civil que puxese as cousas no seu sitio tampouco estaba mal.
Unha guerra coma Deus manda.

Os comentarios están pechados.