Emocións

Posted by franciscocastro - 29/04/14 at 02:04 p.m.

É curiosa a insistencia que dende sempre se pon na necesidade de que na escola se nos aprendan, e perdón pola redundancia, materias relacionadas coa “aprendizaxe” (que en realidade non sempre se produce por mor dun sistema de avaliación centrado na memoria, ou sexa, nalgo fugaz, polo que aprendemos rápido e esquecemos máis rápido ainda; moi pouco é o que queda dentro). As familias, os responsables educativos, os medios de comunicación, a sociedade no seu conxunto confabúlase, case que sempre dun xeito inconsciente e movidos pola rutina e pola crenza de que as cousas non poden ser doutro xeito, para manter ese discurso monocorde que di algo así como que o que importan son os contidos. Hai, incluso, programas de formación para que dende bebés xa “saibamos” unha serie de cousas ou que asimilemos determinados conceptos que nos farán levar ventaxe sobre os demais, incluíndo así aos pequechos e pequechas, dende antes de saber falar, na lóxica competitiva do  noso sistema produtivo. O obxectivo, quizais, é facernos máis “listos”. Pero eu creo que non máis intelixentes.

O que nunca se trata, en ningunha reforma, é o asunto das emocións. Si sobre o papel. Hai moita literatura curricular sobre isto, sobre a importancia de traballar as emocións, que as recoñezan, que se potencien as positivas. Mais, na práctica sabemos que a escolaridade céntrase, no básico, na falsa adquisición de coñecementos (que, por outra banda, xa están por aí para que quen os queira coñecer, poida, a golpe de clic) para un hipotético futuro laboral. Como lles gusta dicir a tantos e a tantas, o que hai é que aprender cousas “útiles”, a saber, asuntos de ciencias ou da empresa (de feito, hai quen suxeriu hai pouco que había que botar a andar unha especie de asignatura obrigatoria dende a ESO chamada “Cultura Emprendedora” ou algo así).

Unha sociedade debería, tamén, formar aos seus cidadáns na cuestión dos sentimentos. Despois de todo, cando estamos medrados, por moi enxeñeiros, tradutores, editores, comerciais, ou o que sexa que sexamos, o que nos dá a vida ou nola quita é sermos felices, ser quen de aturar as labazadas que nos dá a vida, sermos quen de gobernar o barco da carraxe, do amor, dos bos días, dos malos e dos regulares. A educación occidental, formal, regrada, pautada en obxectivos, procedementos, contidos, cousas que aprender para un exame, deixa fóra de todo os sentimentos, as emocións, os desvaríos da lóxica, todos eses asuntos que, por exemplo, en canto chega a adolescencia, se convirten en centrais. E que as cousas sexan así non parece moi normal. Despois de todo, pasamos anos e anos e anos da nosa vida inseridos nun sistema educativo obrigatorio que, para as esixencias do sistema capitalista (que non necesita persoas senón traballadores) é perfecto, pero que non o é para poder andar pola vida acompañado dun mesmo.

E sei, claro que o sei, que hai moito profesorado consciente disto e que loita duramente para encher este baleiro curricular. Pero, como case que sempre, rematan sendo accións ailladas que, aínda que valiosas, no fondo non son quen de soportar o peso académico, a forza dos programas, a esixencia dunha proba de selectividade.

Cando eu estaba en 2º de BUP (actual 4º da ESO) e faltaba a clase día si e día tamén, porque tiña problemas típicos dun adolescente que non cadraba con nada nin en ningún sitio, só fun quen de atopar acubillo nos libros que puxo nas miñas mans un inspirado profesor de Literatura e que me falaban, precisamente, de todas esas cousas que me quitaban o alento e a enerxía vital toda. O resto, polinomios, sintagmas nominais, estructuras do átomo e demais, non me interesaban nadiña.

Pois iso.

Os comentarios están pechados.