A revolución ilóxica

Posted by franciscocastro - 25/04/14 at 02:04 p.m.

O tópico di que os máis novos aprenden dos máis grandes. Dende hai miles de anos é asi. Probablemente é un sabio mecanismo deses que os grupos sociais humanos argallaron para garantir a supervivencia do colectivo. E debe de ser algo tan instaurado no máis profundo do cerebro que por iso os pais e as nais adoitamos sentirnos orgullosos e felices cando vemos que as nosas crianzas, como cantaba aquela vella canción de Serrat, se nos parecen e reproducen os nosos acenos, ou, claro que si, as nosas grandes ideas sobre a vida.

Establecido isto como unha especie de axioma grupal de seguro éxito, cómpre preguntarnos arredor da cuestión de que é o que agora as novas xeracións están a imitar dos seus maiores. Ou dito doutra maneira, cómpre interrogarnos arredor da cuestión de se o exemplo que os maiores, ou sexa, a xeración que ocupa os postos de poder e decisión, está a darlles aos máis novos, é o máis axeitado dos que se pode dar.

A resposta xa sabedes cal é e que é negativa e que a miña pregunta era retórica e con trampa. Pois está ben claro que  o que a mocidade está a ver e, xa que logo, o que a xente en formación e procura de pautas recibe como lóxico, normal, esperable, decente, ético e, en definitiva, imitable, é unha mensaxe que no básico sentencia que todo está como está e que, en definitiva, que nada se pode cambiar. Incluso máis: que os cambios son imposibles. Que hai que aguantarse porque este é o único mundo posible.

O tópico di que a revolución teñen que facela os que veñen por detrás. Que son os mozos e as mozas os que teñen que buscar alternativas, deseñar futuros posibles e mellores. Si, iso é o que o tópico di. Mais eu son dos que creo que os que agora estamos artiba tamén temos algo que dicir e que facer. Que algunha responsabilidade para con o futuro aínda temos. Coido que non abonda con amosar comodidade, aceptación, desexo conservador de que todo quede como estaba. Ese é tamén o tópico referido aos que xa, teoricamente, abandoaron a xuventude. E como ese é o que é (e a historia tennos amosado a verdade do mesmo) quizais é tempo de nos preguntar senón estaría ben que os teoricamente acomodados, os que andamos a gobernar, a decicidir, a dirixir o mundo (aínda que só sexa porque se supón que por idade sociolóxica e política estamos a facelo así) senón é momento de preguntarnos, dicía, se este é o mundo que queremos para os nosos fillos e fillas, se esta é a realidade que queremos.

Do que estou a falar é de facer a revolución doutro xeito, quizais ilóxico, pero igual de importante. Creo que debemos impulsar tamén un cambio dende arriba, reflexionando, para actuar, sobre a necesidade de batallar unha realidade diferente para os que veñan detrás. Non abonda con lembrarlles que deben cambialo todo. O que por arriba deles están tamén están convencidos de que as cousas non se poden modificar. E iso contáxiaselles dende a infancia axudando así a anular a súa capacidade de transformación das cousas.

Pero as cousas poden, e deben, transformarse. E temos que o facer entre todos e todas. Así que xa vai sendo tempo de nos poñer co traballo.

Os comentarios están pechados.