Cando eu sexa pirata

Posted by franciscocastro - 24/04/14 at 02:04 p.m.

Hai anos, obrigado polo compromiso dunha conferencia que tiña que dar sobre a miña obra, tiven que dedicarlle un tempo a pensar sobre o que escribira en tantos anos e en tantos libros e decateime, sorprendido, de que moitas das miñas novelas estaban protagonizadas por xentes soñadoras á marxe da lei, persoas habitadas pola idea de mudar o mundo para mellor, personaxes infectadas de utopía e de ganas de consagrar a vida a perseguir soños dificilmente realizables. En definitiva, románticos e románticas convencidos de que é preferible vivir por fóra do establecido que entregar a vida ao tedio, o costume e á conformidade.

Imaxino que todos eses son eu. Dalgunha maneira son eu. E velaí unha das grandezas da literatura, que nos permite aos creadores vivir as nosas propias vidas tamén doutra maneira e no papel.

En fin, todo isto é, en realidade, un pretexto para falarlles desa idea na que eu non creo, pero que é ben fermosa. A reencarnación, digo. Xa saben: logo de abandonar este corpo ir a por outro. Non necesariamente humano pero, se me permiten, como é a miña proposta, case preferiría volver a ser humano.

E xa que estou maxinando eu aquí con vostedes, pido reencarnar cara atrás. E nacer, xa non nas novelas que escribín, senón na vida vivida, en pirata. Pero pirata de verdade. A saber: dos que se declaran apátridas, libertarios liberados e, coherentemente con tal condición, van á súa bóla pasando de todo porque, en realidade, a vida, exprimida en plenitude, interésalles moito e non están para andar perdendo o tempo.

Daquela, pido renacer abeirado á bandeira negra coas dúas tibias, quero, como na canción de Sabina, un parche no ollo, levar sempre ben amarrado o timón para chegar xusto onde eu quero ir e non onde me manden, amigarme cunha corsaria igual de tola, facer un polbo á feira co Kraken e concluir a faena reencarnada rebentando a canonazos o FMI, a troika, a prima de risco e a Banca Mundial. Para despois, establecida a República dos Libres, anunciar a boa nova de que se pode ser felices a pesar de tanto papón de cravata.

Os comentarios están pechados.