Cen anos de Charlot

Posted by franciscocastro - 15/04/14 at 02:04 p.m.


Se da historia do cinema tivese que salvar unha película, sería, por moitos motivos, ‘O gran ditador’ de Charles Chaplin. E se só puidese escoller un nome de actor ou actriz como o mellor de toda a historia do cinema, diría, de novo, o seu nome.
Todo isto ven a conta de que leo nos xornais que se cumpren cen anos do nacemento de Charlot, o seu desfarrapado personaxe de tantas e tantas fitas (e é, dalgún xeito, tamén o barbeiro xudeu de ‘O gran ditador’). Un personaxe dunha forza xigantesca. Pola súa dignidade na pobreza. Pola súa loita, continua, contra da inxustiza e o abuso do poder.

Charlot si que era un superheroe do cinema e non estes que vemos hoxe nas salas clónicas de cinema, feitos por computador e que se algo teñen de heróico é a súa capacidade para aguantar o moitísimo que lle teñen que apertar nos xenitais esas mallas coa bandeira estadounidense que soportan, meus pobriños, nese lugar tan delicado. Charlot, a pesar de saberse sen forzas para pelexar contra dos xigantes do poder (exactamente coma hoxe), a pesar de ser consciente de que ten todas as de perder (coma hoxe), a pesar de que non ten dúbidas de que todos son máis fortes, máis violentos, mellor organizados e máis poderosos (coma hoxe) a pesar de saber todo iso, non dubida á hora de enfrontarse e pelexar polo que considera xusto e por unha vida máis digna e máis humana.

A filosofía, resumida toda, todiña, no discurso final de ‘O gran ditador’. Un discurso que sigue a conmover hoxe pola súa actualidade a pesar de ser do ano 1940.

Charlot é un home da rúa. Que pasa fame e que pode ser que, no seu desvarío, viva o espellismo de crer que os amallós dos zapatos son pasta italiana que hai que comer delicadamente sen enluxar o bigote. Leva sempre o mesmo traxe porque non hai cartos para outros. Pero namora coma os demais (de feito, namora moito máis que o resto), goza da vida e vai coa solidaridade na man. E vive a realidade con toda a tenrura posible a pesar do dramático que pode chegar a ser todo (poucas escenas máis duras se teñen filmado como o instante na que o rapaz da película do mesmo título é afastado da súa compañía para ser levado á comisaría; ese neno berrando -cine mudo, pero escoitamos os seus berros- eses brazos abertos buscando os de Charlot, ese bigote atónito sostendo con espanto o chapeu sen entender como é posible que a violencia dos poderosos teña tanto gusto por mallar sempre nos máis febles).

Chaplin era un actor total. Sabía que o que importaba no cinema eran os personaxes. Por enriba incluso das tramas e, por suposto, por enriba de decorados (a que montaría hoxe con tanto ordenador facendo o traballo dos actores e actrices). Sabía que non se precisaba moito (pantalóns bombachos, zapatos enormes, un caxato, un bombín…). E que para facer rir, ou para emocionar, o que cómpre amosar diante do espectador, sobre a pantalla, é o corazón.

E xa que estamos deixádeme rematar este artigo sinalando que para estes tempos de abusos laborais e de capitalismo descarnado que temos que aturar, igual non estaría mal que lle botasemos un ollo, ou dous, ao seu inmorrente ‘Tempos modernos’. Non estaría mal, non.

Os comentarios están pechados.