Valentía

Posted by franciscocastro - 26/03/14 at 03:03 p.m.

O que non hai é valentía. Para cambiar o mundo. Para recoñecer que este sistema está esgotado. Para asumir que hai que empezar de cero, mandando para sempre ao cubo do lixo ao capitalismo, para centrarnos noutro xeito de vivir que pense nas persoas e non nos mercados. E así, quizais, saberiamos valorar aos políticos e ás políticas polo que poden facer para mellorar a vida das persoas e non pola súa capacidade para xestionar contas. Porque, se aínda fixesen tal (xestionar contas) aínda estarían a facer política. Pero iso xa non o fan. O que fan é non gastar, recurtar, aforrar. Darlle aire ao sistema para que non afogue.

Eu quero xentes na política que se tomen a política en serio, é dicir, como unha posibilidade de intervención na realidade. Non quero que un presidente da Xunta pida a reeleccción só porque lle cadraron os números. Non quero un alcalde que, por sacar para adiante uns orzamentos, pacta con quen sexa aínda que o pacto non se sosteña dende un punto de vista político, lóxico, ideolóxico, programático. Quero políticos que saiban que o son, e que sexan conscientes de que teñen a polis detrás, a xente, a patria, a nación, a cidade, o barrio. Políticos e políticas que non vexan o seu partido como o máis importante. Senón a eses homes e mulleres que representan e que, cada día con menos fe, pero aínda, lles dán os seus votos para que administren as súas vontades.

Precisamos de xente valente que se atreva a soñar. Si. Soa como ao 68, pero é que é así. Levamos séculos de posibilistas, de realistas, de persoas pegados ás páxinas cor sepia dos xornais dominicais de Madrid. Políticos coma Rajoy, que abre os brazos impotente e di algo así como “é que non se pode facer outra cousa”. Non se me ocorre neste día de primavera repentina na que redacto estas liñas, frase máis covarde. As cousas son así. Eu, presidente do goberno, non teño capacidade para maxinar outra relidade distinta. Eu, presidente, nós ministros conselleiros alcaldes responsables dirixentes, entendemos que o Capitalismo é a Estación Termo Final Punto Derradeiro da historia da humanidade e que, aínda que afogue a todo o mundo hai que defendelo, sostelo, aguantalo…aínda que a xente morra. E se hai que provocar unha guerra para facer negocio, provócase. E se hai que acabar coa sanidade, coa educación, coa lingua, co que sexa, se aí hai posibilidades de facer caixa, faise. E punto pelota.

Precisamos xente co sorriso na cara. Menos traxes e máis camisas remangadas. Menos cravatas e unha nova ollada sobre a realidade. Corazóns na man. Menos caridade e máis xustiza social. Máis optimismo. O mundo será, ou debería ser, o que nós quixeramos que fose. Mais non funcionan as cousas así e o mundo é, e semella que vai seguir sendo, o que uns tipos egoístas e sen corazón, con demasiadas cravatas, queren que sexa.

Precisamos sermos valentes.

E darlle a volta a todo.

Os comentarios están pechados.