De verdade que toda a culpa é dos políticos?

Posted by franciscocastro - 17/03/14 at 04:03 p.m.

Hai un discurso que me desagrada profundamente e que ten que ver con esa actitude xeralizada de explicar todo o (malo) que pasa como culpa dos políticos. Como se eles non fosen parte da sociedade.

Como se os tivese posto aí a man divina. Como se non lles deramos as maiorías para que interpreten a nosa vontade.

Como se non fosen, que o son, un fiel reflexo da sociedade.

Estou farto desta hipocrisia.

E admito que non nos gusta escoitar isto.

Pero éche o que hai.

A miña tese, hoxe, é ben sinxela: temos as e os políticos que nos merecemos. Son nós. Así de simple. Nun lugar do mundo coma este hai corrupción xeralizada porque tamén a hai no pequeno nivel da empresa, da familia, da cultura, dos medios, do deporte. De todo. Hai moita xente desexando empregar aos fillos na empresa do cuñado aínda que o fillo en cuestión sexa un inútil. Hai moita xente desexando sacar pasta sen esforzo aínda que sexa saltándose unha etica mínima. Hai moita xente desexando vivir sen rañala.

Por suposto que na política hai xente fabulosa e, como digo sempre, teño amigas aí polas que poño a man no lume sen o dubidar. E, por suposto tamén, hai xente no común da sociedade, honrada, traballadora e decente.

Como na política.

Os políticos son espello do que somos, do que queremos e do que pensamos.

Se están ocupando postos de relevancia personaxes limitados intelectualmente, alcaldesas de capital mental dubidoso e no máis alto están os que mellor obedecen ao patrón partitocrático, iso pasa porque nesta sociedade non valoramos a preparación, o traballo e a seriedade. E así, acostumámonos a tomar como normal que alguén, por apelidarse de tal maneira,nos pase por diante.

Ou, no contexto dos partidos (de todos os que eu coñezo, e ben que me amola dicir isto) premiar nas listas a quen mellor se adapta ao discurso imperante.

Non vivimos nun lugar eticamente respectable porque a ética non é tomada en serio en case que ningunha parcela da vida.

Por iso trunfa na política quen trunfa. Ou sexa, un dos nosos.

Os comentarios están pechados.