Xustiza Universal

Posted by franciscocastro - 12/03/14 at 03:03 p.m.

O mesmo día no que Rouco Varela, a través dos votos das mulleres e homes do PP, gañaba a votación sobre a reforma do aborto, o mesmo partido gobernante aplicaba o rodillo parlamentar para cargarse o principio de Xustiza Universal. Unha malísima nova que pasou desapercebida afogada polo rebumbio mediático da barbaridade gallardona.

Ata o de agora, aínda daba unha certa tranquilidade, un certo orgullo, saber que calquera persoa que residise dentro das fronteiras do estado español e do que se tivese constancia de que fixese barbaridades dignas de ser perseguidas, que ía ser, en efecto, perseguida, por lei, por ese mesmo estado que agora xa non. Estaba ben saber que podiamos deter a un dictador acusado de crimes contra da humanidade cando puxese un pé aquí. Estaba ben saber que podiamos deter a un practicador de ablacións no seu país se visitaba o noso. Estaba ben saber que un talibán esnaquizador dos dereitos máis básicos das mulleres había de ter problemas legais se se atrevese a vir de vacacións.
Estaba ben saber que cumpriamos coa Declaración de Dereitos Humanos.
Estaba ben, realmente ben, saber que se cría na Xustiza Universal. En que ninguén pode quedar impune. En que os crimes contra da Humanidade non se perdoan, que se persiguen e que se castigan.
Estaba moi ben todo iso porque a xustiza non pode ser algo que se circunscriba a unhas fronteiras concretas.
Mais, como no caso do aborto, este goberno humanicida cárgase algo que funcionaba para achegarnos un pouquiño máis ao reino da escuridade. E, o peor é que nin sequera esa decisión está baseada en poderosos argumentos morais ou xurídicos (se me poño, son quen de atopalos, aínda que, por decencia, nunca os mantería). O peor de todo é que o que move a este cambio na lexislación son asuntos puramente económicos, no básico, non amolar a certas potencias coas que España ten intereses (quererán dicir, os grandes grupos empresariais, ou sexa, persoas concretas) e que estaban preocupadas por esa posibilidade de ter problemas legais, xurídicos ou carcerais co sistema penal español.
Así pois, tras desta reforma, xa non estaremos obrigados a forzar ao goberno estadounidense a investigar a morte do cámara José Couso. E non só a investigar, senón a saber quen o fixo e por que. E a pedirlles responsabilidades criminais. Como non estamos obrigados, xa nunca máis, a perseguir a eses dirixentes da China acusados da represión contra as xentes do Tibet.
Na cerna de todo isto están eses gobernos, que ameazan con prexudicar a economía se non desaparece ese principio de Xustiza Universal que, ata hai nada, era do pouco que nos podía facer sentir orgullosos de ser desta parte do mundo.
E todo, coma sempre, polos putos cartos.

Os comentarios están pechados.