Un dedo para esmagar

Posted by franciscocastro - 10/03/14 at 03:03 p.m.

De entre as moitas e moi xeniais tiras de Mafalda, lembro hoxe unha moi en especial: aquela na que Mafalda fai unha figuriña de plastilina con forma humana (como se fose unha Deusa Demiurga Todopoderosa) e logo vai e a aplasta cun dedo cunha certa cara de sádica. Mafalda, despois de esmagala, falaba do doado que é xogar coa vida da xente. E sempre me pareceu que aí Quino explicaba moi ben a fraxilidade das persoas cando estamos sometidas a un poder máis grande, sexa divino ou, como é o caso do que quero dicir, as leis dun Estado que parece que odia ás persoas.

Ese dedo que nos aplasta é o goberno neoliberal (non só o de Rajoy: é o dedo de todos os que nos dominan en nome do diñeiro) xogando con  nós, esmagándonos cando lles peta, lles convén ou, simplemente, esmagándonos por puro desleixo. Porque eles toman decisións e alguén morre no terceiro mundo de fame. Eles toman decisións e alguén queda sen bolsa de estudos. Eles toman decisións é alguén é botado á rúa perdendo a súa casa. Eles toman decisións e alguén queda sen acceso aos medicamentos que lle fan a vida máis doada ou, simplemente, a vida. Eles toman decisións e algunha muller queda máis desprotexida fronte da violencia machista. Eles toman decisións e algún velliño ou velliña ve o final da súa vida condeado á desesperanza e á inseguridade. Eles toman decisións e alguén perde os aforros de toda a vida. Eles toman decisións e a impunidade dos que, precisamente, toman todas as decisións, quedan garantidas.
Imaxino que é consustancial a quen exerce o poder (pero non debería) sentirse, precisamente, poderoso, saberse coa capacidade de erguer o dedo para aplastar a quen sexa sabendo que a quen ten ese dedo esmagador non lle pasa nada sexan cales sexan as consecuencias. Mais, como digo, non debería de ser así, e teriamos que ver o xeito de inventarnos mecanismos para que quen abusa non saia indemne. Tendo claro que, cando aquí digo “abusar” estou a referirme, sen máis, a lexislar mal, a non ter en conta as necesidades da xente ou, simplemente, a actuar dun xeito irresponsable.
Porque non se pode xogar coa educación da xente, nin coa sanidade, nin coas pensións, nin, en definitiva, con todo iso que fai a vida digna. Non debe haber dedos esmagadores.
Se cadra, mans sempre tendidas. Que para iso os poñemos aí.

Os comentarios están pechados.