Berrogüetto

Posted by franciscocastro - 21/02/14 at 04:02 p.m.

http://youtu.be/F6pmnplXeDI

Hai dous martes unha amiga xornalista chamábame dende a redacción do medio no que traballa para lerme o comunicado de Berrogüetto no que anunciaban a súa disolución logo de dezaoito anos de traballo musical. A nova, malísima para os que nos declaramos admiradores e fans absolutos, tirou de cen millóns de recordos e de lembranzas fermosas que quedarán para sempre comigo.

A lembranza, por exemplo, daquel serán nun parque de Vigo, a miña cativa no balambán cando me soa o móbil e vexo que é Anxo Pintos, persoa que admiro, músico aínda máis admirado e a quen uns meses antes (polo verán de 2011) eu atracara (e el deixouse atracar) para que me presentase unha miña novela. A súa chamada era para comentarme, coa humildade que lle caracteriza -e que só posúen os grandes- se a Galaxia, onde eu traballo, podía interesarlle un libro, con disco e DVD, resumo dos quince anos de traxectoria de Berrogüetto. El falaba de vir contarmo un día para que eu vise que me parecía a idea. Pero eu xa tiven claro, nesa mesma chamada e sen coñecer aínda os detalles do proxecto, que si, que tiñamos que facelo. E chamei correndo ao noso director xeral, Víctor F. Freixanes, que amosou o mesmo entusiasmo ca min.

O resultado é o libro-disco-DVD “Berrogüetto. O pulso da terra” asinado por Fernando Neira e que foi un pracer editar e que xa está aí. Para a historia. A biografía definitiva dunha formación esencial na nosa música pero tamén nos nosos corazóns.

A lembranza do día da presentación daquel libro, na Cidade da Cultura, onde os berros fixeron un concerto excelente, íntimo pero vigoroso. Pero, sobre todo, lembro a cara de alegría de todos e de cada un deles, vendo alí a súa historia convertida en papel, en fotos…en definitiva, na complicidade dunha vida xuntos, entre eles, mais tamén cos que estiveron, cos que marcharon, cos que formaban a banda ao final. E, sobre todo, co seu público. É un tópico pero é así: os artistas son quen son porque hai un público que os quere tal e como son. No caso dos Berrogüetto, un público sempre feliz.

E a lembranza, en definitiva, de tantos concertos onde o amor, o humor, a palabra, o sentimento, foron quen de se nos contaxiar a todos e a todas os que, atónitos, estabamos marabillados no patio de butacas escoitando o moitas veces incrible.

Os Berrogüetto pensan que remataron con todo. Nin de coña. Están, ademais de nas nosas casas móbiles ordenadores ipads ipods e todo iso, na nosa memoria. E daí xa non marchan. Na vida.

Os comentarios están pechados.