A madalena

Posted by franciscocastro - 14/02/14 at 04:02 p.m.

A miña infancia recende a flocos de millo en bolsas xigantescas de sal gordo inacabables infinitas deliciosas festivas e felices. No Cine Roxy. En Teis. E ule a chicle de fresa Niña na boca de Cristinita, beso-verdad-condición. E á colonia forte e barata no seu pescozo, fresco como a vida que empezaba.

A miña infancia recende a papel de Hoja del Lunes abandonada a medio día na barra da taberna Rascacielos como esperando por min, que a lía sen entender case que nada pero fascinado polas letras de molde.  E recende a escuma de afeitar na brocha do meu pai os domingos. E ao perfume azucrado nos panos que usaba a miña nai no colo. A leite condensado dentro da perola do cocido. A fritada eterna de aceite eternamente reciclado comida tras comida. A café a todas horas nas cuncas gastadas que me alimentaron cando probablemente era mellor non ter consumido aínda cafeína. E ao serrín de pola noite cando recollían en Casa Moncho.

A miña infancia cheira a cera de catequese repudiada. A xiz no aire envolvéndoo todo. A sumidoiros atascados de escola unitaria. E a herba do campo irregular de partidos épicos. E á coreana de Maricarmen logo das clases da tarde, no portal escuro da miña tía. Cando descubrín que tiña mans e o pracer de acariñar.

Recende a iogur Larsa, a bolsa de leite, a bacallau colgado do teito na de Purita. E a Supergén pegado nos dedos na sufrida clase de Trabajos Manuales.
E sobre todo, a miña infancia ule ao Mercado de Teis. Onde me criaron.

Hoxe, quen sabe por que, saboreei aquí con vostedes a Madalena de Proust. Porque hoxe, quen sabe por que, case que todos os asuntos que lle deberían preocupar a un columnista coma min, a verdade, non lle interesan en absoluto. A vida é así. Cando menos hoxe. Disimulen.

Os comentarios están pechados.