A ‘Infanta-que-non-pilla-nada’ é o grande argumento contra da monarquía

Posted by franciscocastro - 13/02/14 at 03:02 p.m.

En síntese o que dixo foi: non sei nada, non me enterei de nada, non entendía nada, asino papeis só porque mos poñen diante, estou na directiva dunha sociedade por estar, ignoraba que o persoal da miña casa cobraba en negro… Máis ou menos e resumindo foi iso. E non sei se se pode dicir sen que me pase nada, que é parva (á luz do que estamos a ver no proceso), pero tal parece. Sen embargo, o obxecto desta reflexión non é entrar nas luces (moitas ou poucas, eu que sei) desta señora, senón sobre as consecuencias que, para o pensamento político, abre a súa actitude.

Os partidarios da monarquía case que nunca paran a pensar que o da “liña sucesoria” ten un punto importante de perigo evidente. Adoitan argumentar que os membros das familias reais, “educados” para ese labor, son maior garantía de bo facer político que un presidente ou presidenta dunha república, persoa máis suxeita aos intereses do seu partido político que ao interese xeral (así que hai que dar por feito que o traballo dos Borbóns ao longo da historia foi sempre guiado por conseguir “o ben común”…). Así pois, un señor (xa sabedes, na lexislación española as mulleres, de primeiras, e só se non hai un pene antes, son consideradas, como a igrexa católica tamén fai para os seus asuntos, inútiles para este labor) un señor, dicía, preparado dende o seu nacemento para ese traballo, sería perfecto e garantía de seguridade xurídica. E iso é así…porque si. Quero dicir, que tanto ten o nivel de intelixencia do herdeiro, a súa feitura moral, os libros que leu (ou os que non leu), os seus vicios ou virtudes. Só conta que por liña sucesoria lle toca…

E aí é onde chegamos á infanta Cristina, que está (a non ser que a condenen) como herdeira na liña de sucesión á xefatura de España. Ou o que é mesmo: que se houbese unha serie de desgrazas (que eu non desexo, que conste) e morresen o príncipe e todos os que están antes ca ela na liña sucesoria, ela sería, a día de hoxe, a raíña de España con todas as da lei, a xefa do estado e a que habería que manter como o que é, unha raíña (e Urdangarín, que non se esqueza este detalle, sería o Rei de España).

En definitiva, que terían que darse moitas carambolas, pero poderían ser rei e raíña de España estes dous. E del non sabemos, pero dela xa sabemos que asina papeis sen ler, non se entera do que pasa nin na súa casa nin nas súas empresas, descoñece que paga en negro ao servizo doméstico que traballa para ela, etc. etc. E digo eu que alguén así de “despistado” non pode ter como unha das súas responsabilidades a xefatura do estado. Máis que nada por se acaso. E por moito que a liña de sucesión, e a constitucional lei española, así o digan.

Os comentarios están pechados.