Privatizar é roubar

Posted by franciscocastro - 08/01/14 at 03:01 p.m.

Privatizar é roubar. Iso dicía o outro día un cartaz que alguén esgrimía nunha manifestación ou protesta ou concentración ou desorde ou algo que vin na tele. Pensei: verdade enorme. Pasarlle a mans privadas o que era de todos é unha forma de roubo. Non che é outra cousa máis ca iso. Pódese disfrazar como se queira. Pero é iso e so iso.

O argumento da dereita -explicado maxistralmente días atrás por Esperanza Aguirre nunha entrevista- é que o que demandan os cidadáns é eficacia, e que está comprobado (di a dereita) que a xestión privada é mellor que a pública. Daquela, as privatizacións parece unha especie de mal menor, algo que se fai porque non queda outro remedio para que as cousas funcionen, algo que hai que facer porque os funcionarios, xa se sabe, andan a rañala nos bares pasando de todo. Así, privatizando, todo se axiliza, todo funciona ben, todo é exemplar e a cidadanía está hipercontentérrima.
O problema é que a experiencia nos demostra que detrás dos afáns privatizadores sempre está o desexo do reparto dos botíns, a pura repañota do que era de todos e que vai ser duns poucos. Curiosamente, dos que xa están forrados, dos que teñen moito, dos que andan sobrados de recursos e que, xa que logo, teñen millóns dabondo para facerse con eses servizos e empresas públicas que eran túas e miñas, que sostivemos durante xeracións coa nosa suor e que queriamos seguir gozando de balde. Porque esa é a segunda parte: ao privatizar igual se gaña en efectividade, que é dubidoso (todos sabemos de funcionarios exemplares e de estrutras do estado intachables na súa xestión e funcionamento) pero o que si que está claro é que coa privatización ven o gasto, o ataque ás nosas carteiras e, cando estas andan escasas, a negación do servizo básico, que agora hai que pagar. Porque os señores e señoras que mercan esas empresas e servizos públicos, o que queren, e non me parece mal, é facer caixa, gañar cartos, seguir forrándose máis aínda. E, para que tal aconteza, teñen que cobrarnos polo servizo que nos prestan.
A realidade é así de simple: isto é un roubo.
Que empezou hai moito, co goberno de Felipe González (manda truco) e que agora, coherentemente (o PP aí non engana) vai máis aló (sanidade, educación, pensións), coa dereita megaliberal e ultracapitalista.
Así que semella claro que, para que o expolio remate, debemos conseguir que outras voces máis potentes e máis centradas na defensa do público, teñan presenza intensa nas institucións.

Os comentarios están pechados.