Os que falamos galego navegamos distinto por Internet

Posted by franciscocastro - 07/01/14 at 04:01 p.m.

O Instituto Nacional de Estatística publicou hai uns días os resultados dunha investigación que quería saber para que usamos Internet. Os resultados foron moi criticados porque, como sempre lles pasa, sae o que sae en función do que preguntan, e se non preguntan sobre algunhas cousas, pois claro, esas cousas non saen. E non preguntaron polo consumo de porno. E daquela sae que os españois non navegan pola rede procurando carne. No resto dos países da nosa contorna andan saídos perdidos. Os de por aquí, penetrados polo espírito de Rouco Varela, non. Os de por aquí, como indica o pulcro e branquísimo estudo do INE usa a rede para o que ti e o que min, ou sexa, participar en redes sociais, correo electrónico, consultar wikis, descargar software…

A enquisa debulla os seus resultados atendendo a chanzos de idade, a situación laboral, a sexo…é dicir, plantéase como unha enquisa-tipo. Mais esquece algo esencial, como é, e estou a falar absolutamente en serio, preguntarse sobre os hábitos de consumo segundo o idioma do internauta.

Pois estou absolutamente convencido de que os que nos movemos no ámbito do galego, da literatura, a política e as preocupacións xerais de nós, usamos tamén a rede para informarnos como é debido. Porque somos moi conscientes de que os medios hexemónicos non atenden as nosas cousas, dan unha visión deturpada da realidade e, en liñas xerais, non cubren as cuestións informativas que nos preocupan. E creo que non é esaxerado afirmar que somos moitos os que lle dedicamos horas a Internet dende un interese meramente informativo para poder acceder a esas parcelas da información silenciadas, ignoradas ou, directamente satanizadas polos media tradicionais.

En galego navegamos distinto. E se o pensades ben, é toda unha traxedia.

Os comentarios están pechados.