E as librerías pechando

Posted by franciscocastro - 30/12/13 at 02:12 p.m.

Hai moitas maneiras de radiografar o desastre colectivo. Un deles é o informe PISA, claro que si. Os resultados son os que son e hai que botar as mans á cabeza. Mais hai outros informes que, quizais por seren menos populares, pasan máis desapercibidos aínda que tamén din cousas que nos deben preocupar. Como por exemplo o último “Informe del Observatorio de la librería’ que publica a Conferencia Española de Gremios y Asociaciones de Libreros e que sinala que, mentres que en Europa, a pesar da crise, se abren cada ano máis librerías, no estado español perdéronse, dende o 2008 ata hoxe, o 21 por cento das que había. O informe é absolutamente demoledor. Sinala que, no ano 2008, cando comeza oficialmente a crise, no estado español había un total de 7074 librerías. Cinco anos despois, 5556. Se botamos contas, sáenos unha cantidade precisa, escura e tremenda, para certificar a depresión e para poñerlle unha cantidade concreta á perda descarada dun valor colectivo como son as librerías.

Porque a saúde, xa non só cultural, senón tamén democrática, dun país, mídese, tamén, atendendo ao número de bibliotecas, librerías e puntos de acceso ao libro. E por aquí, como vemos, a cousa descende. E moito ten que ver, tamén, o hábito cidadán. Porque ademais da crise no estado español os indicativos non destacan precisamente por sinalar o moito que nos gusta ir ás librerías. Este é un lugar do mundo onde se le moito menos que no resto. Un lugar do mundo onde, en xeral, o consumo en cultura, é pouco. E non hai conciencia do importante que é e de todo o que implica. Os libros, a cultura, a música, o teatro.
Por iso aí, aínda que recorten todo o recortable nese mundo, non se percibirá, colectivamente, coma unha traxedia.
O informe, como xa dixen, ten tamén algún dato aínda máis demoledor, como é que no resto de Europa, dende o inicio da crise e a pesar dela, se abriron librerías. E así, fronte do 21 por cento de peches no estado español, atestiguamos que no resto de Europa houbo un incremento  de ata un 18.6 por cento no mesmo periodo de crise. Ou sexa, no medio dunha Europa que se sacude polos tremores de terra capitalistas, as librerías de por aí non só resisten senón que ademais medran.
Algo debemos de estar facendo mal por aquí. Entre outras cousas, que non se trata ás librerías como algo singular, senón como un negocio calquera. E non o son. E debería haber axudas específicas e importantes para todos aqueles emprendedores que quixeran abrir este tipo de tendas que, coas súas actividades e ofertas, fan as nosas vidas (e a nosa democracia) mellores. Non é igual, e digo isto con todos os respectos, abrir unha mercería que unha librería. Non é o mesmo. Aínda que as dúas creasen, poño por caso, dous postos de traballo, a segunda, ademais, crea, trae, mantén e divulga, cultura.
Non estaría mal que os nosos responsables (se é que o son) culturais, reflexionasen sobre isto e axudasen aos que teñen vocación de libreiros, a abrir os seus establecementos. E, no caso do galego, podía, a Xunta, establecer algunha clase de liña de axuda ou subvención para que as librerías lle desen ao libro galego un posto destacado e singular nas súas tendas.
Estaría ben.
E todos sairiamos gañando.

Os comentarios están pechados.