Quero liarme coa Pantoja

Posted by franciscocastro - 23/12/13 at 04:12 p.m.

O noso mundo é o que é. E non hai outro e non parece que nin vaia haber outro nin que se desexe que haxa outro. E fago esta reflexión escribindo este artigo nun cómodo sofá no MICAtlántica (unha feira das industrias culturais que se celebrou hai uns días en Santiago) e xusto despois de saber que Belén Esteban vendeu dúas edicións do seu libro en tres días e que se fixeron colas quilométricas de pacientes lectores e lectoras de tan singular autora para que ela asinase os exemplares vendidos.

Os escritores galegos raramente esgotamos a primeira edición. E perdóenme os que lean a Esteban pero eu creo que, en xeral, temos moito máis talento ca ela. E cando, despois de meses, ou anos, entra no prelo a segunda edición, imos correndo a empenecarnos, poñémolo no Facebook porque é Un Grande Acontecemento e choramos de emoción por ter conseguido Tal Fazaña. Polo xeral, para que tal aconteza, temos que patear o país, visitar tres mil colexios, feiras do libro e demáis saraos culturais… ao tempo que pelexamos en lugares coma o MICAtlántica presentándolle a editores de fóra o noso traballo para ver se os camelamos e así nos traducen a outras linguas.

Mais Belén Esteban faino sen esforzo. Ela escribiu a súa obra (non teño por que pensar que non foi ela) é vendeuna, en horas, por milleiros, asina libros coma churros e nas presentacións hai piñas por coller un bo sitio e así non perder detalle do que ela, a autora do momento, teña que dicir.

E todo é tan absurdo, tristeiro e indecente que só me entran ganas de quedar para sempre neste sofá e non volver madrugar para escribir na vida. Ou iso ou liarme coa Pantoja. Asi si que ía vender montes e moreas de libros. Igual o fago.

Os comentarios están pechados.