Este é un país irresponsable

Posted by franciscocastro - 18/12/13 at 03:12 p.m.

A miña pequecha, de cinco anos, preguntou hai pouco que por que falamos en galego. Toda unha lección de sociolingüística que sendo galega e vivindo en Galicia necesite que se lle aclare esta cuestión que lle preocupa. A pregunta deixa claro que a pequena sabe que na nosa familia somos raros, que falamos raro, que usamos palabras raras. Que somos anormais. Estranxeiros na propia patria por citar á Nai de Todas e de Todos.

Dixémoslle, quizais sen pensar moito, que por responsabilidade. Igual é moi besta largar unha resposta así. Pero saiunos así.
Quizais porque medrei escoitando que tiña que ser responsable e comportarme responsablemente. Miña nai, ás veces, dicía que cumpría “andar con sentidiño”. Outras, que había que facelo “todo con xeito”. Sexa como for, o da responsabilidade era un valor que non se discutía. Se unha persoa era responsable era como tiña que ser. O meu pai trasladaba iso ao común das xentes dun país, e soltaba, para poñer a feder aos locais, iso de que “os alemáns si que son responsables” para así deixar claro que os veciños e compatriotas eran uns bandallos.
Sen querer xeralizar, pois entre outras cousas non creo nada niso dos caracteres nacionais, direi que, así falando dende un punto de vista global, levaba razón.
Porque o noso é, sen lugar a dúbidas,un país de irresponsables. E dunha caste de irresponasbles que cómpre cualificar como de parralleiros estremos. Porque perdemos cousas por puro desleixo ou, peor, por puro odio. Ou por puro porque si.
Irresponsables a moitos niveis, sobre todo, e para seguir co que á miña nena preocupaba, pola cuestión do idioma, a nosa creación colectiva máis potente, a nosa carta de presentación fronte do mundo, o que nos singulariza e, por citar ao Pai de Todas e de Todos, o que fai que nos poidamos chamar galegos e galegas. As novas cuspen información terrorífica arredor da nosa desgraza ao se perder un falante tras doutro. E o país mirando para outro lado. Porque non lle importa que se perda. Porque é un país de irresponsables. Non nos quita o sono que os máis pequenos perciban o galego como unha cousa allea, a lingua deste lugar do mundo (non podemos dicir lingua materna porque non o é na meirande parte dos casos da rapazada da cidade) como algo raro. Á miña nena, coma unha extraterrestre.
A xente, irresponsable, ten outras cousas na cabeza.
Ou non teñen nada. Directamente.

Os comentarios están pechados.