A axenda mental dos políticos

Posted by franciscocastro - 03/12/13 at 03:12 p.m.

Hai uns días asistín como público á xornada, organizada pola Asociación Galega de Editores, dedicada a falar das Bibliotecas e o seu futuro no entorno dixital. Entre outras conclusións, volveu quedar moi claro que os políticos non entenden, nin lles preocupan, as bibliotecas.

Gustei moito da intervención de Jordi Permanyer Bastardas, xerente das Bibliotecas da Deputación de Barcelona. Comezou dicindo algo demoledor. Mais moi certo. A súa frase inicial foi afirmar que a creación de bibliotecas non está na axenda mental dos políticos. E eu, desa frase, quedei cavilando sobre esa expresión brillante: ” a axenda mental dos políticos”.
Nas axendas, de papel ou electrónicas, anotamos as cousas que temos que facer, eses asuntos que son, porque así os consideramos xa que os anotamos, indispensables e de obrigado cumprimento. Isto é así e, dalgunha maneira, enténdese que todo o que está fóra da axenda non é tan importante e pode ser atendido en calquera outro momento ou, sen máis, esquecido (non figura na axenda).
E as bibliotecas non están na axenda mental dos políticos. Na súa axenda hai outras cousas. Facer bibliotecas, nutrilas, coidalas…aínda que é unha das súas obrigas, non o levan anotado na cabeciña. Non é. Non está.
Na axenda mental dos políticos só hai unha anotación: Defender a toda costa, por enriba de todo, o sistema capitalista. Non teñen máis ocupación. Defender o modelo capitalista ainda a costa da xente, das súas vidas ou a súa liberdade.  Defender o capitalismo suprimiendo calquera gasto que o pensamento naziliberal que nos goberna considere prescindible e a borrar da axenda. A cultura, sen dúbida, é un dos asuntos prescindibles para eles. Un deses gastos que non hai nin que ter nin manter.
Non direi todos, mais a día de hoxe, a ocupación case que única de moitos políticos é a de “xestionar”. En definitiva: non facer política. Porque facer política implica tomar decisións para mellorar a vida da cidadanía. E, como marca a axenda, as únicas decisións que se toman é para ver como axudar a manter este capitalismo analfabeto que non pisa a biblioteca. Só iso na axenda. E máis nada. Absolutamente nada.

Os comentarios están pechados.