Saíndo da crise

Posted by franciscocastro - 21/11/13 at 03:11 p.m.

Mariano Rajoy pasará á historia por moitas cousas. Entre outras, porque foi o primeiro presidente do goberno co costume de falarlle ao pobo que goberna, a distancia. Ou ben dende outro país, ou ben dende unha nebulosa descoñecida que se materializou, nun dos días máis vergoñentos da historia do xornalismo, nunha declaración a través dunha tele de plasma.

Estes días atrás andou por Panamá, é dicir, fóra de España. Daquela, coma un neno mixiricas ou avergoñado (porque sempre fai igual e non dá a cara aquí), sentiu a necesidade de facer unha declaración desas “importantes”. É unha especie de ataque que lle dá así como sae das fronteiras españolas. Non pode conterse e fala. Mais, polo xeral, fala parvadas. Frases sen moito calado. Obviedades que lle funcionan ben entre a súa xente pero que escandalizan pola súa condición de baleiras ou, peor, fantasiosas. Por non dicir malintencionadas ou flipantes ao sair pola boca dun presidente de goberno.
E o que dixo desta volta é que non hai dúbidas de que estamos saindo da crise. Concretamente a súa frase era que está claro que cada vez queda menos para sair da crise.
Pois claro que si. Leva toda a razón do mundo. Porque é unha obviedade que, cada día transcurrido será un día menos para o remate do que sexa. Tamén da crise. É como se eu digo que cada día que pasa queda menos para que morra ou que cada día que pasa son máis vello. Ou que cada día que pasa ao sol lle queda menos para apagarse.
Comecei estas liñas dicindo que Mariano Rajoy pasará á historia por moitas cousas. Entre outras, por ser o presidente máis baleiro por dentro de todos cantos temos coñecido. Autor de frases sen sustancia.

E aínda por riba, nin sequera é gracioso.

Os comentarios están pechados.