Prestige (Galicia non existe)

Posted by franciscocastro - 15/11/13 at 03:11 p.m.

Escribín un artigo o pasado mércores, unha crónica (mental) de urxencia, despois de escoitar a vergoñenta sentenza sobre o asunto do Prestige. Xa sabedes: iso nunca sucedeu. Publiqueino en Sermos Galiza e hoxe queda aquí.

PRESTIGE (GALICIA NON EXISTE)

O mércores eu só era quen de sentir, apreixándome e mancándome, unha especie de balbordo inaturable enriba da cabeza, Ía camiño do colexio da miña filla. E algunha vez xa o dixen: ter un fillo ou unha filla é crer no futuro. Ninguén que dubide de que o mundo pode ser mellorado debería traer a ninguén a este mundo. E si, ía cara o colexio, a buscar á pequecha e a buscar o futuro. Ata que se me caeu. Porque en troques de facer o que tiña pensado facer, e que era en realidade algo moi intelixente, que era ir escoitando música, puxen a radio. E escoitei o da sentenza do Prestige. E souben que a conclusión, once anos despois, é que Galicia, ademais de ser unha colonia (e desta volta quedou máis que claro: e se o barquiño tivese botado o que botou en Cataluña?, e se tivese botado o que botou en Francia?) non existe. A conclusión definitiva e absoluta é que este país non existe. Non é país. Non somos. Non estamos. Nin somos nin estamos nin seremos nin estaremos. Galicia é unha quimera. Algo do que nos valemos os que escribimos sobre ela para termos algo do que falar. Galicia é unha ficción.

Dende os primeiros tempos da historia humana, as persoas declaráronse fascinadas pola causalidade. Os primeiros filósofos xa se decataron de que todo efecto ten unha causa, que se pasa algo é porque outro algo, ou alguén, o causou (a Tomé de Aquino serviulle isto para afirmar a existencia de Deus). Cando menos, no mundo real, no que está rexido polas leis da física e da química (mais semella que non da ética), as cousas son así, mais en Galicia non. En Galicia un barco pode perfectamente escachar, andar a deriva non sei cantos días, expandir o seu lixo contaminante por miles de quilómetros…e resultar que ese efecto non foi causado por ninguén. Quizais porque non pasou. Ou quizais porque o lugar no que pasou non existe, Ou quizais porque o lugar no que pasou e si que existe reinan as leis do realismo máxico. Ou quizais porque isto é Galicia e Galicia conta tanto no mapa do poder como eu nos catálogos de perruquería.

Penso que hai que aforrarse o de Angrois. Que non investiguen nada. Se investigan van aparecer nomes. E se aparecen nomes vai haber que dicilos e xulgalos. E a xente vai volver crer na xustiza, que está con eles, para que logo aquí non pase nada. Porque igual tampouco se esfarelou un tren que igual non desencarrilaba de contarmos coas mínimas medidas de seguridade que por outros lugares si que hai (por iso somos unha colonia). Para que van gastar cartiños e, sobre todo, para que van mallar na ilusión dos inocentes.

Que nunca máis volvan investigar nada.

E que nunca máis.

Os comentarios están pechados.