Unha pequena lección básica de democracia

Posted by franciscocastro - 08/11/13 at 03:11 p.m.

Como fun profesor de filosofía durante dezaoito anos, vanme permitir hoxe darlles un pouco a chapa cunha pequena lección arredor dun asunto máis que filosófico e importante e do que lles falaba unha e outra vez aos que tiveron a desgraza de aturarme.  Concretamente estou pensando en largarlles unha cativa lección arredor do concepto de “democracia” pero centrada nalgún revelador comportamento pouco democrático ou antidemocrático ou directamente fascista que nos últimos tempos vemos por aquí con máis frecuencia da que seria desexable; comportamentos, dicires e faceres, ben afastados da democrática actuación que se lles supón a algúns que nos gobernan e que por ser, precisamente quen son, non poden nin deben tolerarse.

Mais acontecen.  E non pasa nada. E daquela empezo a pensar que será que se toman como normais e, peor incluso, como inevitables. Actos e frases en bocas de alcaldes, presidentes e gobernantes de todo tipo que nos fan dano como pobo e como persoas concretas, ao mesmo tempo que lesionan o propio sistema democrático que os consinte e atura.

E refírome concretamente a feitos concretos como que se nun partido concreto (por seguir concretamente redundando) un alcalde defende o franquismo e a ese alcalde non se lle expulsa inmediatamente, en cuestión de días, sen ambigüidades nin medias tintas, é que daquela estamos diante dun comportamento antidemocrático dun partido antidemocrático, porque detrás desas actitudes hai un pensamento fascista e perigoso de lexitimación da barbarie. No fondo: apoloxía do terrorismo. E máis no fondo: de odio á democracia. E un  partido que se considere democrático non pode non reaccionar, non pode consideralo unha chanza, non pode pasar. E se ese mesmo partido ve que os seus militantes máis novos se fotografan coa bandeira preconstitucional, e non se apresuran a poñelos fóra canto antes, daquela están traballando contra a democracia porque permiten o acubillo dentro da súa organización de especímenes que consideran lixo un sistema que temos máis que claro que é o mellor e o máis xusto de todos.

Esta foi unha lección ben parva. Porque non dixen máis que obviedades.

Por iso non se entende que algo tan obvio non o pillen.

Os comentarios están pechados.