Ler para desaprender

Posted by franciscocastro - 16/10/13 at 02:10 p.m.

O topicazo di que a lectura permítenos, entre outras cousas, aprender. E, dende logo, é unha desas verdades coma un puño de grande. Mais eu creo que a lectura tamén sirve, por fortuna, para desaprender o aprendido, para esquecer esas “verdades” que nos meteron a lume dende cativos e que, grazas precisamente aos libros que nos puxeron nas mans (ou que atopamos buscando por nós mesmos), puidemos botar de nós para permitirnos vivir mellor. Menos certos de moitas cousas. Pero mellor. Ceibos para procurar caminos novos. Liberados para nos atopar a nós mesmos.

Eu recoñezo que grazas á lectura e os libros,  máis que aprender, desaprendín, ou, aínda mellor, que aprendín a desaprender. Si.  Grazas aos libros e aos pensamentos neles escritos, abracei actitudes coma o escepticismo, que me levan a dubidar de todo nesta sociedade impositiva de valores únicos. E grazas á lectura, desaprendín certas ideas de corte burgués que me levaban polo “carreiro correcto”, ampliando, dende o cuestipnamento, os meus horizontes para animarme, precisamente, a investigar outros. Diferentes.  Meus. De non ser polos libros, en especial os de filosofía que lin neses anos turbulentos que chaman de adolescencia, nunca tería sido quen de rebelarme contra unha vida vulgar, predeseñada, prepensada, predefinida dende a escuridade do que “debe ser”. Non me tería atrevido a ser eu. A, cando menos, tentalo. Sen esas páxinas fundamentais, nunca tería sido quen de achegarme, dende as ideas dos libros amigos de horas e horas (no tren, na casa, pola rúa) a outros planteamentos diferentes dos “normais” ou dos “lóxicos”.

Eles axudáronme a ser quen agora son: un orgulloso anormal que vive fóra de certas utilizacións da lóxica.

En definitiva, reivindico os libros para esquecer catecismos, desligarse de dogmas e fuxir de absolutos. Libros para desaprender e deseducarnos

Precisamente, para aprender o realmente importante.

Os comentarios están pechados.