Igual son un animal

Posted by franciscocastro - 28/09/13 at 10:09 a.m.

Eu non sei se son un animal porque moitas veces sinto en min cousas máis propias dos bechos que da xente que anda a dúas pernas.

Por exemplo, sinto cousas desas, así, animais, cando un touro lle mete os cornos pola carne para dentro a un toureiro. Cando pasa iso non son quen de entristecerme. E mentres todo o mundo no bar tapa a boca coa man en sinal de espanto, eu non o fago. A ver, non é que me alegre, que non son tan brutiño, pero o certo é que non me dá pena. E dáme por pensar que igual son un animal e non teño corazón de persoa por sentir iso. Mais entendo que o fulano vestido de luces (que ridículo) está aí porque lle peta, xogando a vida, si, pero porque lle peta, e o touro está aí porque non lle queda outra, perdendo a vida, si, nun serán de tortura lenta e dolorosa para meirande gloria do torturador que ten diante e, sobre todo, da xentiña bárbara que paga pro ver esa barbaridade. Eu sonlles así, que lle vou facer. E sinto desa maneira. E non os entendo, non. Non entendo que os seareiros da tauromaquia manteñan que é “unha honra para o touro morrer na praza” (hai que ser idiotas), e que o touro loita “en pé de igualdade co toureiro” (hai que ser idiotas). Non o entendo, e paréceme tan desigual esa loita que, como de sempre me poño de lado dos perdedores, cando estes teñen unha pequena victoria (eu que sei, meterlle unha cornada no cu ao fulano), pois, xa vedes, non é que me alegre, que iso está moi mal e que vai pensar a veciñanza (que non teño educación e que non estudei o catecismo), pero si que me dá así que como cousa feliz.
Así que igual son un animal e fáltame humanidade. Ou igual é que me falta “españolío” ou non teño olés, non sei, pero non podo evitar sentir exactamente iso. Ou noxo, directamente, cando vexo esas mulleres con mantilla (e son galegas, non andaluzas) nas festas patronais. Dixen noxo? Non, a ver, que parezo un bacoriño sen domesticar. Non, noxo non. Digamos que vergonza allea. Porque é o que me provocan ao ser a evidencia máis que evidente do complexo absoluto de inferioridade que ten algunha xente de por aquí. Non vexo á xente de Sevilla pedindo filloas con mel. Ou aprendo a bailar muiñeiras. Mais si que vexo a xente de por aquí vestidas de goyescas e pagando a matrícula da escola de danza do barrio para aprender a bailar sevillanas, que é moi guai.
Si, debo de ser un animal sen corazón. Porque cando vexo na tele que ridiculizan o acento galego cabréome e penso cousas gravísimas sobre os antepasados mortos de quen así se comporta. E ollo, o meu malestar nada ten que ver coa miña condición de galego. É máis ben porque cando sae unha facendo de andaluza, falando toda zarabeta coa c e seseando purito Triana, non se lle asocia no común das xentes coa pobreza e a ignorancia, como si que pasa co noso.
Debo de ser medio animal.
Ou igual é que estou ata ese sitio.

Os comentarios están pechados.