Ana Botella non fixo o ridículo

Posted by franciscocastro - 21/09/13 at 11:09 a.m.

Non vos trabuquedes, Ana Botella non fixo o ridículo en Bos Aires defendendo no seu inglés parralleiro a candidatura da cidade que a ten como alcaldesa, nin coa historia esa do relaxing non sei que. Non o fixo en absoluto porque os millóns de votantes do Partido Popular non teñen, polo xeral, o mesmo sentimento de todos os demais que non andamos por esa corda ideolóxica. Máis ben, o que sinten, cando ven os programas cómicos nos que se fai escarnio da súa intervención na lingua de Shakespeare, é desprezo por quen fai ese escarnio, ganas de mandarnos para o carallo, e sensación de que esaxeramos, que somos malos malísimos, e que non era para tanto.

Ana Botella é unha política dabondo paradigmática e moi representativa de certo tipo de políticos da dereita española aos que os seus seareiros adoran sexan como sexan, digan as burradas que digan, actúen como actúen. Unha caste de políticos que son valorados non polo seu curriculo académico ou polas súas habilidades á hora de xestionar as cousas publicas, senón pola súa campechanía e, no fondo, polos seus “huevos”. Velaí está Aznar, no seu día facendo unha peineta aos que se manifestaban contra del, ou o alcalde de Baralla, saudando brazo en alto, ou o de Beade, co Cara Al Sol no móbil e gabándose de que se ten preto un do PSOE, que o deixa soar…

Eses políticos, de pouca altura, tirando a limitadiños dende o punto de vista intelectual, gañan igual as eleccións. En Madrid, se hoxe hai chamada ás urnas, Ana Botella gana sen problemas. O alcalde de Baralla, cando saiu do pleno brazo alzado no que se lle intentou tirar das orellas, foi recibido por unha multitude que lle aplaudía (e había rapazada!).

E así con todos.

Ana Botella non fixo o ridículo en absoluto. Cando menos, diante dos seus, non o fixo.

Os comentarios están pechados.