Para que educar?

Posted by franciscocastro - 06/09/13 at 09:09 a.m.

Escoiteille dicir a un alto cargo da administración educativa do goberno español algo así como que “hai que adaptar o sistema educativo ás necesidades da produción”. Se non era así era parecido. A esencia era. O espírito era ese. E, en calquera caso, é unha expresión máis dese pensamento dominante que se reduce a manter que todo, absolutamente todo, debe de ser posto ao servizo do sistema capitalista, é dicir, ao servizo da creación de recursos económicos, de cartos, de diñeiro. De plusvalía. Ou o que é o mesmo, un sistema educativo que non se centrará en formar persoas senón elos dunha cadea, ignorando as súas necesidades, a súa felicidade e, sobre todo, ignorando que un ser humano debe dedicar a súa vida, en especial os seus anos de formación, precisamente a formarse como ser humano pleno, completo, total.

Gañamos en plusvalía (máis valor) minus-valorando ás persoas, facendo que desaparezan, conseguindo, como dixera Marx, convertelos en mercadoría e cosificándoos.

O que nos fai especificamente humanos, a creación de cultura, é conscientemente posta fóra do sistema regrado de educación. A arte (que non o estudo da arte), a música (que non o estudo da música), a literatura (que non o estudo da literatura) e. en defintiva, todas aquelas parcelas da creación humana que teñen que ver coa beleza e as posibilidades de mellorar o mundo enriquecéndoo dende un punto de vista estético, ou ben non se contemplan (o adelgazamento destas materias nos distintos planos educativos é ben claro; e quen di estas di por exemplo outras que fomentan o pensamento crítico como a Filosofía) ou ben se minimizan e pasan a ser considerados polo propio profesorado como menores como consecuencia e reflexo desa consideración social previa de asignaturas pouco importantes, e pasan a ser oficialmente “marías” con pouco, ou case que ningún, peso lectivo.

Cando resulta, carafio, que son as máis importantes.

Todos os estudos científico-pedagóxicos coinciden, e non de agora senón dende hai décadas, en sinalar que o estudo das artes, e, sobre todo a súa práctica (facer que a cativada e a mocidade pinte, cante, escriba…) só ten efectos beneficiosos sobre a súa intelixencia (xa non digamos, sobre a súa sensibilidade e capacidade de empatía). Canto antes se comece, de feito, moito mellor. No caso da música, tense demostrado que se a partir dos dous anos as crianzas son introducidas no estudo (insisto: e sobre todo na práctica) da música, o seu nivel de intelixencia medra espectacularmente. Eu, pola miña banda, teño comprobado, facendo sesións de escrita creativa con nenos e nenas moi pequerrechos, que son quen de facer creacións, con palabras, certamente sorprendentes, elaborando asociacións semánticas incribles que, sempre, deixan abraiados -para ben- ao profesorado, e moi satisfeitos á cativada.

Ocúrrenseme un cento de cousas terribles que dicir do ser humano. Mais tamén son quen de citar aquí unha boa cantidade de cousas boas que dicir da nosa especie. Entre outras, pois iso, que somos quen de producir beleza e, máis importante, de gozala. E esa beleza creámola a partir das diferentes formas da arte. E iso é algo propiamente humano.

E o sistema produtivo, ese ao que hai que adaptar o modelo educativo segundo ese discurso enfermo, é moi inhumano.

Hai moitos anos, nun dos primeiros textos que escribín con conciencia de publicar, titulei aqueles pensamentos O mundo salvarase pola beleza. Hoxe créoo igual que daquela: o mundo salvarase se é rexido por persoas capaces de apreciar a beleza. Non por financeiros.

Os comentarios están pechados.