Non importamos a ninguén

Posted by franciscocastro - 04/09/13 at 09:09 a.m.

Adoitamos confundir o que vemos nos xornais coa realidade, do que se fala no twitter co que está pasando, o que comentan os xornais que lemos co importante, e o que se comparte no facebook co esencial. E non é para nada así. En realidade, non lle importamos a ninguén.

A cousa é así de simple e doada de explicar. Por moito que nos pareza incrible e por moi doloroso que sexa, o certo é que á meirande parte da xente deste país, o galego, a cultura galega, a literatura galega, a desaprición da lingua, que non se cumpra a lei sobre toponimia, que se pregunte aos pais se queren recibir o ensino en castelán, que se a normativa oficial que se o reintegracionismo, que se non se vende un libro, que se as axudas ás traducións son de coña….todo iso e todas as súas etcéteras, por moito que nos alucine que sexa así, o certo é que á meirande parte da poboación, digo, repito e reitero, a case que toda a xente deste país non lle interesa o máis mínimo nada do que a  nós nos preocupa, quita o sono e angustia de día, polo serán e pola noite.
Nós sabemos que a razón está da nosa parte, como sabemos que é importante que o pobo colla conciencia de seu, que ame a súa lingua, que defenda a súa cultura, que supere o autonoxo, que sinta orgullo de todo o que lle dá de bo o feito de ter nacido aquí, con esta fala, con esta paisaxe, con esta historia. Con todo isto. Mais, aínda que o saibamos, o certo, a triste verdade, é que somos unha minoría escandalosamente pequena, que falamos entre nós e que parece que só podemos entendernos entre nós (si que é certo: non nos entenden, non). Unha minoría que, como se relaciona entre eles e elas, tende a pensar que as nosas teimas son o centro do universo.
E non o son.
Nin sequera son o centro de Galicia ou dos galegos e galegas.
Levo moito tempo dicíndolle a amigas e amigos nacionalistas que un dos problemas que temos dende esta banda do pensamento político, é que non damos contactado con toda esa maioría escandalosamente maioritaria a quen lle resbalan a lingua, a cultura, o día da Patria e o fogar de Breogán. E a eles temos que chegar. Para que si que nos entendan, si. E de paso, para que se entendan a si mesmos. E, máis de paso, para que deixemos de falar só para nós mesmos.
E mentres non consigamos chegar a todos eses, e que nos entendan, e que nos comprendan, e que se comprendan, seguirán gobernándonos partidos de Madrid, Seguirán. Para sempre seguirán.

Os comentarios están pechados.