BEAUTIFUL PEOPLE, NOXO DE XENTE

Posted by franciscocastro - 11/07/13 at 02:07 p.m.

É curioso, pero neste intre no que andamos, moitas e moitos que se nos puxeron como exemplos a seguir, xente na que todos deberiamos mirarnos, ou xa pasaron polo trullo, ou están  a piques de entrar ou igual non entran porque a lei si que está preparada para meterlle caña ao heroinómano que rouba unha farmacia pero non ao banqueiro forrado que estafa, sabendo que está estafando, á xente do común.

E no seu día puxéronnos como exemplo a seguir (e lembro aos homes de negocios peiteándose co pelo engominado cara atrás, e as señoras pijas aprendendo sevillanas, porque era o que a Beautiful People facía, horteriñas), a Mario Conde. Un home novo que trunfaba. Un home que, incluso, se ofrecía para liderar a política e como guiero de España cara a Gloria Universal.

Un exemplo.

Como exemplar era Urdangarín, o esposo perfecto, o xenro perfecto. El si que si e non o Marichalar, que non era nin guapo.

A min esta xentiña non me vale.

Nin agora que xa se sabe o que hai nin me valían antes.

Os exemplos que eu sigo son outros: xentes do normal, do diario, do cotián de todos os días. Que sacan ás súas crianzas para adiante. Que sempre sorrín. Que as pasan canutas para vivir pero que, a pesar diso, viven.

Os outros, os que nos venden como exemplos, case que sempre terminan perdendo a carouta e deixándonos claro quen son en realidade.

Eu quedo coa xente. Coa normal.

Esa é a que é verdadeiramente excepcional.

Os comentarios están pechados.