Minten

Posted by franciscocastro - 10/07/13 at 03:07 p.m.

Minten. Todo o tempo. Todo o rato. Sen parar. Tomándonos por imbéciles. Maxinando que somos parvos. Minten. Todo o tempo. Todo o rato. Sen parar. E rin. Rin moito. De nós. De ti. De min. Minten. Todo o tempo. Todo o rato. Sen parar. Convencidos da súa impunidade. Certos de que si, de que han volver ganar. De que nos teñen collidos por aí. Que temos medo. Do noso temor aliméntanse. Da nosa tristura viven. E minten. Todo o tempo. Todo o rato. Sen parar.

Disfrazan o seu discurso de palabras emocionadas e emocionantes: liberdade, dereito, soldariedade, amor, beleza, xustiza. Patria. Pero son mentiras en canto lles saen pola boca infectada. Probablemente xa moito antes, cando as pensaron, xa as enlixaron só ao concibilas. Son quen, incluso, de encher os ollos de bágoas para poñernos mol o corazón. De facerse fotos coas señoras nos mercados por gañar simpatías. De arrolar á cativada coma pais protectores sen os que non se podería vivir, menos mal que os temos a eles. Pero están enfermos. De codicia. De solemnidade. E non entenden, porque están cegos, que despois deles o mundo ha seguir e non pasa nada fagan o que fagan e se amosen o solemnes que lles pete. Iso si, polo camiño, van deixando cadáveres, tristura, bágoas. Nunca as súas. Sempre as dos máis febles.

Minten a mantenta e cada vez con menos disimulo. Cóntannos trolas en grandes titulares. Babecadas no medio dos grandes discursos. Póñense á fronte das manifestacións para sair na foto e, sobre todo, para que non esquezamos os seus caretos cando vaiamos votar. Somos iso para eles: unha papeleta electoral, un número, unha parte dun inquérito. Non lles interesa saber quen somos, comos nos sentimos, que desexamos en realidade, que nos quita o sono, que nos fai soñar. Están ao que están: a seducirnos para fodernos. Non para amarnos.

Minten. Todo o tempo. Todo o rato. Sen parar. E van facendo as súas vidas ao tempo que ennegrecen a nosa. E van engordando os seus cus fedorentos grazas á nosa suor e, sobre todo, grazas á nosa resignación xenerosa.

Había que poñerse en pé e dicirlles, a estes, catro verdades.

Os comentarios están pechados.