A felicidade é unha almofada

Posted by franciscocastro - 21/04/13 at 09:04 a.m.

Hai uns días publicouse un libro (e xa falei moitas veces da miña devoción pola fotografía coma arte; quizais por iso machaco aos meus seguidores nas redes sociais con fotos e fotos), da autoría de Harry Bason, un fotógrafo que, por un beixo da fortuna uniu o seu nome para sempre aos Beatles pois, cando estaba a piques de sair por asuntos de traballo cara África recibiu unha oferta de The Daily Express para seguilos na súa xira por Francia en 1964. El aceptou, claro, e conseguiu amosarnos uns músicos en pleno éxito, pero dende unha perspectiva íntima, pois hai moitísima foto de dentro dos cuartos do hotel onde practicamente vivían secuestrados durante as xiras daqueles anos. A meirande parte das fotografías, por non dicir case que todas, xa as viramos, os fanáticos, algunha vez. E, de todas elas, hai unha que sempre me gustou por enriba de todas as demais. Bason atrapou o instante feliz en que aqueles catro rapazolos se lían a darse coas almofadas uns a outros, rolando por camas, sofás e moqueta da suite, almofada vai almofada vén. Unha desas fotos é un ataque furibundo dos outros tres sobre un encollido, mentres escacha a rir, George Harrison, que fai o que pode para aturar a festiva malleira.

As caras deses tipos é de absoluta felicidade. Sorrisos grandes, inmensos como o instante preciso que estaban a vivir. Unha almofada usada coma arma inofensiva nun ataque que non quere facer o mal senón turrar da perspectiva mellor da amizade: rir con aqueles que queremos.

A felicidade, penso moitas veces, é unha almofada, unha man, unha boa película no cine, ou non tan boa, pero na compaña perfecta para ese momento. A felicidade, ás veces, é unha chamada de teléfono dunha alma cómplice que te quere e que cho quere dicir. E digo isto e podería dicir outras moitas cousas. E, curiosamente, ningunha desas cousas se vende nas grandes tendas nin é precisa a visa ouro para as gozar como é debido. E a miña reflexión, a nada que a pensedes, é absolutamente revolucionaria, porque está a cargarse directamente a sociedade de consumo.

A felicidade é algo mol, brando, maleable, volátil e ao alcance da man de calquera. Ten que ver coa xente e con nós mesmos e co que decidimos facer coa vida.

Os comentarios están pechados.