Eu non quero que aprendan só inglés e matemáticas

Posted by franciscocastro - 07/01/13 at 03:01 p.m.

No Faro de Vigo leo esta entrevista con Jesús Fernández-Villaverde (Madrid, 1972), doutor en Economía, licenciado en Dereito, profesor na Universidade de Pensilvania e membro da Fundación de Estudos de Economía Aplicada (FEDEA), ademais de experto en mercado de traballo e política fiscal. Xa que logo, un señor cunha formación abraiante do que se espera, cando menos, unha intelixencia abraiante.

O que non sei é se tal se pode deducir da súa frase, abraiante, que o xornal recolle como titular, abraiante (non sei tampouco se é o máis importante de todo o que di aí, pero é co que se vai quedar todo o mundo):  “Los niños tienen que aprender inglés y matemáticas, todo lo demás es secundario”. A declaración é brutal e dende logo servirá para que toda aquela xente que coida que o galego non  contribúe en nada positivo á educación dos seus fillos e fillas, reforce  esa absurda (e pouco científica) opinión.

Ata onde eu sei (e non teño as titulacións deste señor, eu só son un pobre idiota que aspira a poeta), nada é supérfluo á hora de formarse. Nada é secundario. E, dende logo, aprender idiomas, moitos, varios, e en especial o propio, é máis que positivo. Así o recoñecen todas as institucións educativas do mundo, a UNESCO entre outras, que sempre fala a prol do protagonismo que o galego debe de ter no sistema educativo, mira ti que cousa estraña, dentro da propia Galicia e que moitos se empeñan en negar (e, dende logo, con titulares coma este, que insisto, non é o máis salientable do que di este señor, se reforza).

Sobre o das matemáticas, pois tampouco podo concordar, e se eu tivese que escoller algo como esencial, diría que a música me parece moito máis básica. Xa sei que todos esperabades que dixese a literatura ou a lectura. Pero non. Direi que a música. Que nos axuda a saber escoitar, a apreciar os matices da beleza, e, por incrible que vos pareza, a ser máis tolerantes. Xa o dixen moitas veces, podería vivir sen a literatura. Pero non sen a música.

E se eu tivese responsabilidades políticas, que nunca as hei ter, a nivel educativo, obrigaría a estudar, pero de verdade, música, é dicir, loitaría porque se entendese que todo o mundo ten que gozar dela, do ritmo, do canto. Creo de verdade nisto. Tanto, que agora prefiriría cantárvolo en troques de contárvolo.

O señor este será moi listo, non digo que non e a frase é sincera. Pero ata os máis listos, de cando en vez, meten a zoca en canto abren a boca. A non ser que sexa, claro, para cantar.

Os comentarios están pechados.