E UNHA BOA NOVA PARA REMATAR O ANO: EN 2013, A MIÑA NOVELA ‘SPAM’ SAIRÁ EN CASTELÁN

Posted by franciscocastro - 31/12/12 at 11:12 a.m.

Remato este 2012 que estivo tan cheo de cousas boas, e de todo tipo, cunha boa nova: antes de Xuño de 2013 sairá o meu Spam en castelán. A novela, que recibira o Premio Blanco Amor no 2005, veu a luz en italiano hai uns meses, e agora sae en castelán. Durante o ano que vén verei tamén Chamádeme Simbad (xa está dende hai tempo navegando en catalán e castelán) lanzado en Brasil, ademais doutras dúas linguas das que xa vos contarei máis adiante.

Máis contento non podo estar.

Como digo sempre, eu escribo, dende a lingua do meu país, que é o galego, pero coa idea de chegar a cantos máis lectores e lectoras mellor. E cada vez que calquera dos meus libros é adquirido por unha editorial de fóra, a miña felicidade é inmensa. Nin vos podedes facer unha idea, porque a literatura é un exercicio solitario (eu escribo a soas, descalzo e ás escuras) pero con vocación de transcender esa singularidade para converterse, a través do acto comunicativo da lectura, en patrimonio de canta máis xente mellor.

Feliz 2013 para todas e para todos.

Os comentarios están pechados.